Cultura Vigo al minuto

O segredo máis ‘cool’ agóchase na Universidade

O Centro Comercial Cidade Universitaria acolleu o show 'Pablo Superstar Cool'.
O Centro Comercial Cidade Universitaria acolleu o show 'Pablo Superstar Cool'.

Duvi/ Con situacións imposibles de asimilar se non tes unha nariz vermella no corazón. Así foi como chegou Pablo Muñoz ao Centro Comercial da Cidade Universitaria, onde puxo en escea ‘Pablo Superstar Cool‘, un espectáculo dirixido por Iván Prado no que humor absurdo, maxia cómica e clown camiñan da man. Un xogo de interacción con resultados impactantes no que o público ten que enfrontarse a clases de cociña, amores platónicos, mascotas descaradas e ata algunha que outra situación de escapismo case imposible de imaxinar.

Muñoz convértese nunha verdadeira estrela nun escenario tan amplo como todo o Centro Comercial e consegue que o público acabe a gargalladas a través de situacións hilarantes e descaradas. Coa improvisación como mestra de cerimonias, pasar por casualidade preto do clown implicaba participar de xeito involuntario nun espectáculo no que maxia clásica, baile, globos, vivencias persoais e roupa interior mestúranse case sen darse conta.

Galego de adopción, xa que representa máis veces o seus shows en Galicia que en calquera outra parte da xeografía españoña, Pablo Muñoz é unha peza clave do Festiclown dende os seus comezos en Pontevedra e que agora enche as rúas de Vigo de pallasos. Ao seu lombo leva a marca do éxito a través de premios como o Nariz de Ouro 2009 no XIV Festival Internacional de Clowns de Madrid ou do Maxia Cómica no Festival Internacional de Maxia de Santa Susanna en Barcelona.

También te puede interesar