Cultura Literatura

O único grupo de investigación sobre Torrente Ballester en España, na Uvigo

Duvi/ O único grupo de investigación especializado en Gonzalo Torrente Ballester está ben preto: na Universidade de Vigo. Os profesores Carmen Becerra e Manuel Candelas son o núcleo dun grupo financiado polo Ministerio de Educación e pola Xunta que agora organiza un congreso internacional con preto dun cento de expertos de múltiples países e na que colaboran universidades de todo o mundo nas que existen estudos sobre o autor como a Texas Tech, a de Albany, a Université de Pau et des Pays de l’Adour de Francia ou a de Münster en Alemaña, na que en 2011 se celebrará un congreso torrentista.

Este grupo de investigación ten o núcleo en Vigo e unha serie de investigadores que pertencen a outras universidades galegas, españolas e internacionais. E este congreso será o momento cumio que dará paso á segunda fase do proxecto, que comezou este ano coa publicación na Editorial Castalia da edición crítica de La Saga/fuga de JB, a primeira edición crítica que sae ao mercado de toda a obra de Torrente.

O encontro, que terá lugar a vindeira semana, acollerá a verdadeiras “autoridades na literatura” de países como Francia, Romanía, Alemaña, Holanda, EEUU, Porto Rico ou Uruguay. De entre todo, Carmen Becerra destaca por exemplo a Daría Villanueva, ex-reitor da USC; Joana Sabadell-Nieto, profesora en Albany ou Janet Pérez, da Texas Tech. Ao longo de toda a semana afondarán na obra de Torrente, na súa biografía, nos diferentes xéneros que tocou, na relación entre realidades, fantasías e ficcións, nos contextos ideolóxicos na súa obra, na presenza da historia nos seus escritos, no papel das mulleres e os personaxes femininos e neses outros mundos de GTB que deron pé á exposición.

También te puede interesar