Destacados Vigo al minuto

Contra a pena capital, panos amarelos

Duvi/ Soamente nos Estados Unidos 1.200 persoas foron executadas nos últimos 33 anos, a metade delas en Texas. Por iso, Amnistía Internacional leva a cabo unha campaña de recollida de sinaturas para pedirlle ao gobernador deste Estado norteamericano a suspensión das execucións, un paso previo á abolición total da pena de morte en todo o mundo. Hoxe, ben visibles e vestidos de amarelo, a ONG trouxo a campaña ata o Edificio de Ciencias Experimentais do campus vigués para implicar á comunidade universitaria nunha iniciativa que se levará tamén a outras universidades de España.

Para achegar ao alumnado a unha realidade un pouco máis próxima, Amnistía Internacional reparte postais coa imaxe de Pablo Ibar, o único español que nestes intres está condenado a morte en Estados Unidos. Co remite xa posto, nesta postal pídeselle ao gobernador Charlie Crist, neste caso de Florida, que promova a moratoria dunhas execucións “incompatibles co principio de dignidade humana”.

Repartindo panos amarelos, adhesivos e marcapáxinas co lema ‘Berra’ ou ‘Conta atrás para un mundo sen pena de morte’, os membros da ONG informaron a docentes e alumnado de que o ano pasado levaronse a cabo 714 execucións, a maioría delas en Irán, Irak, Arabia Saudí e Estados Unidos, unha cifra na que non entran “as preto de 8.000 execucións que se consuman en China cada ano baixo secreto de Estado”, aseguran desde Amnistía Internacional.

Se queres colaborar podes deixar a túa firma ata o vindeiro 20 de novembro tamén a través da web da organización. As sinaturas recollidas en toda España serán entregadas a finais de mes na embaixada de Estados Unidos en Madrid.

También te puede interesar