Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

Xa podes escoitar o teu correo electrónico no móbil

Duvi/ Acceder aos servizos que ofrece Internet empregando simplemente a voz ou dispor de aplicacións automáticas que van dende a tradución automática de idiomas ata escoitar o texto dun correo electrónico a través do móbil son só algúns exemplos de como avanzan as Tecnoloxías da Fala e como se van incorporando ao día a día da sociedade actual. Co obxectivo de presentar os últimos avances nestes ámbito de traballo e emprender novos proxectos arredor de 120 científicos acoden dende hoxe en Vigo ao congreso Fala 2010, organizado polo Grupo de Tecnoloxías Multimedia da Universidade, GTM, a Rede Temática en Tecnoloxía da Fala e o Isca, Special Interest Group on Iberian Languages (SIG-IL).

A ninguén lle sorprende xa que ao chamar a unha centraliña ao outro lado do fío telefónico non sexa unha persoa a que che responda, senón un “axente informático” e sexa con el con quen establezas un diálogo, explica a catedrática Carmen García Mateo, presidenta do comité organizador do congreso e coordinadora do grupo GTM, que aproveitará o congreso para presentar os últimos traballos realizados polos investigadores do grupo en recoñecemento de fala, síntese de voz e tradución automática.

Son tecnoloxías xa maduras en moitos casos, de uso habitual entre o público en xeral, caso dos tradutores de texto, dispoñibles xa de xeito gratuíto na web “pero nas que aínda hai espazo para a súa mellora”, explica García Mateo, quen salienta que “o noso papel se centra en lograr que esas tecnoloxías cada vez sexan mellores”.

Traballo de enxeñeiros e lingüistas

Na xuntanza reúnense arredor de 100 científicos especialistas nesta disciplina, na que enxeñeiros e lingüistas traballan de xeito conxunto. O obxectivo: presentar as últimas investigacións e desenvolvementos deste ámbito de traballo en calquera dos idiomas da península ibérica, así como amosar as súa posibilidades reais de aplicación.

O programa, no que participarán un total de 48 ponentes, inclúe tres relatorios “de persoas de renome internacional que tratarán temas de candente actualidade neste campo”, subliñou Mateo, en relación a participación no congreso de Heiga Zen, “un dos pais dos conversores do texto en fala”; Alex Acero, director do Laboratorio de Tecnoloxías da Fala de Microsoft Research, e Bill Byrne, da Universidade de Cambridge, “un investigador que está traballando en proxectos de moi alto nivel sobre tradución automática da linguaxe”.

Ao fío do congreso presentaranse tamén os resultados do proceso de avaliación Albayzín’10, unha competición establecida ao fío do congreso entre os diferentes laboratorios co obxectivo de avaliar as diferentes técnicas e favorecer a colaboración entre grupos en catro temas fundamentais: síntese de fala, segmentación de audio, recoñecemento da linguaxe e diarización, identificación da persoa que fala. “O bo de todo isto é que todo o mundo emprega o mesmo material da mesma maneira e despois tamén se mide da mesma forma, co que se poden comparar os sistemas e comprobar as avantaxes dunhas técnicas fronte a outras”, explica a presidenta do congreso, quen salienta que o equipo vigués “participou na competición de síntese de voz en castelán e tamén en segmentación de audio, cun exercicio de segmentación de programas de televisión en catalán e na identificación dos locutores nesas grabacións e nas tres competicións quedamos en moi bo posto”.

También te puede interesar