Música y Cine Vigo al minuto

UVigoTV supera o listón do millón de vídeos vistos

A televisión da Universidade de Vigo grava unhas 500 horas ao ano.
A televisión da Universidade de Vigo grava unhas 500 horas ao ano.

Duvi/ A barreira estaba ben alta, pero a UVigoTV conseguíu rachala case sen darse conta. Durante o pasado curso académico, a canle de televisión da Universidade de Vigo superou os 1,1 millóns de vídeos vistos, o que dá unha idea da boa acollida que ten entre o alumnado o feito de ter grabadas clases, relatorios e outros eventos e telos a súa disposición. Nalgunhas universidades este sistema se non sae da dirección son os alumnos os que toman a iniciativa. Un exemplo: nun campus noruego foron os propios estudantes os que puxeron en marcha o sistema gravando as clases cos seus portátiles e coa cámara web enfocando ao profesor.

Polo momento, gravan unhas 500 horas ao ano e xa teñen máis de 4500 vídeos almacenados en PuMuKIT, unha plataforma deseñada e liberada pola Universidade de Vigo que permite automatizar o proceso de publicación vía Internet de contidos audiovisuais a través de canles como YouTube. Precisamente ter os contidos “catalogados na casa” é fundamental. “Telos nun sitio do que non podes extraelos de forma mecanizada pode dar moitos problemas. Con PuMuKIT tes os vídeos no teu campus e logo cuns plugins insértalos en calquera plataforma de xeito doado. Nós metemos uns 2000 en menos dunha semana, porque xa estaban precatalogados”, explica Vicente Goyanes, coordinador do servizo.

A chegada da Universidade ao mundo de Apple tampouco foi nada mal. Non levan nin un ano e xa houbo preto de 100.000 descargas a través de iTunesU, a metade delas desde Estados Unidos. O motivo: que é a primeira universidade de fala hispana que participa no sistema. “Cando estabamos en proceso de sumarnos houbo un momento en que todo se estancou porque querían darlle o visto bo desde Estados Unidos, cando aquí onde se xestionan as universidades é en Europa. Pero na central de California viron o potencial do proxecto e quixeron validalo”, recorda.

Desde entón están na elite participando con máis de 600 universidades, algunhas tan importantes como Oxford, Cambridge, Yale ou Berkeley. “Somos pequeniños pero xogamos na Champions”, bromea Goyanes. Non é para menos: nas universidades norteamericanas a referencia para distribuir os contidos académicos en aberto é iTunesU, pero en Europa non hai nin tanta implantación “nin tanto fanatismo polos dispositivos de Apple, pero pareceunos interesante facilitar o acceso aos contidos desde dispositivos móbiles, sobre todo cando están desconectados para que o alumnado poida descargar a clase e visualizala cando e onde queira”.

También te puede interesar