Cultura Destacados

O Conservatorio vólvese máis Bicentenario que nunca

musica-bicentenarioA celebración do Bicentenario da Cidade de Vigo segue dando unha ampla programación de actividades conmemorativas. Desta volta, o escenario elixido é o auditorio do Conservatorio Superior de Música de Vigo no que  hoxe a Orquestra de Vento CMUS comezará a súa actuación a partires das 20:00 horas, con entrada de balde.

A estas actividades súmanse as representacións que están a levar a cabo os alumnos da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) que continúan coa interpretación da obra “Lela anda en bicicleta”, dirixida a escolares. Tras o éxito das anteriores representacións, os alumnos da escola volverán a poñer en escena a adaptación da obra de Carlos Casares os días 12 e o 26 de novembro.

Pero ademais os días 5 e 19 de novembro, a partir neste caso das 20:00 horas, o público en xeral poderá asistir a representación da obra “Sen Título. Técnica mixta sobre linóleo negro” de Eva Freixeira Ferreira.

Festival folclórico

Este sábado 6 de novembro, a Praza do Bicentenario acollerá o Festival Folclórico. A celebración comezará as 17 horas coa participación de agrupacións como Tangaraño, Flores Novas, Os ventos de Comesaña, Traspés, a Escola Municipal de Danza e Percusión Tradicional, Semente da arte galega, Corisco, Atlántida de Matamá, O Fiadeiro, Andarela, Lembranzas Galegas e A Buxaina.

Xunto as actuacións programadas haberá unha carpa instalada nos xardíns de Blein Budiño, fronte á Praza, para a degustación de comida típica galega.

También te puede interesar