Galicia

“En tres décadas os Erasmus fixeron máis pola construción de Europa que calquera tratado”

A deputada do PSC Montse Palma.
A deputada do PSC Montse Palma.

Universidade de Vigo/ Vantaxes e obrigas de abrir “de xeito voluntario” a educación universitaria a Europa. Sempre co Plan Boloña como tema de fondo, estes foron os eixos cos que Montse Palma, profesora de Psicoloxía da Educación da Universidade de Girona e deputada polo Partido dos Socialistas de Cataluña, reabría tras moito tempo sen actividade o ciclo de debates organizados pola Asociación Xuvenil Foro das Utopías. Con 47 países europeos implicados, o proxecto xurde coa vocación de xerar un modelo distinto de enseñanza, xa que “con Boloña ou sen el teriamos que facer os mesmos cambios no sistema universitario”, explicou Palma.

Experta en educación, xa que leva traballando desde o ano 96 na comisión parlamentaria e seguindo moi de preto a evolución do sistema universitario galego, a profesora defendeu un “plan ou proxecto, aínda non sabemos moi ben o que é, que axudará a mellorar a calidade da educación superior e que cumpre con algunhas das recomendacións da Unesco”. Pero para esta deputada catalana a idea de abrirse a Europa non é nova: “Os Erasmus fixeron máis pola construción de Europa que calquera tratado, xa que levan representándonos durante tres décadas nun momento da súa vida especialmente activo e fomentando un alto intercambio cultural e social”, asegurou Montse Palma.

Un dos factores fundamentais do Plan Boloña, que cumpre 11 anos de camiño, é precisamente esa mobilidade tanto de docentes como de alumnado respectando o marco legal de cada país. Só neste curso, entre as 78 universidades españolas (50 de elas públicas) marcharon a estudar a algún punto de Europa 37.468 ‘erasmus’. Preto do dous por cento deles (657 estudantes) parten da Universidade de Vigo, aos que hai que sumar os 13 que marcharon a Estados Unidos co programa ISEP e os 51 que o fixeron dentro dunha bolsa de intercambio en América Latina, Australia o Taiwan. Unhas cifras, as máis altas de toda a súa historia, que converten á Universidade viguesa nun referente na mobilidade internacional que este ano recibiu a máis de 400 estudantes estranxeiros.

Prioridade ás bolsas

Neste contexto, o fundamental é pontenciar as bolsas: mentres que desde 2008 os fondos europeos para este tema minguan, os do Ministerio de Educación suben chegando a marcarse máis de 1.500 millóns de euros para bolsas universitarias a todos os niveis nos Orzamentos Xerais do Estado para 2011. “Antes para irse de Erasmus os estudantes dependían de ter un apoyo económico suplementario; agora trátase de que calquera poida acceder chegando a pagar 600 euros ao mes ao alumnado para poder manterse no estranxeiro”, asegurou a deputada do PSC.

O Observatorio de bolsas e axudas ao rendemento académico creouse o 1 de outubro no Consello de Ministros coa participación das comunidades autónomas para facer un seguimento e aportar propostas para ir cambiando e mellorando o sistema. Un dereito desde 2006, as axudas evolucionaron ata sistemas como a bolsa-salario ou os empréstitos-renta para os que cursan un master.

También te puede interesar