Galicia

Un equipo galego podería trazar o futuro túnel entre España e Marrocos

estreitoM. del Río/Universidade de Vigo/ Un mes de traballo, do 17 de setembro ao 14 de outubro, no Mar de Alborán, o Estreito de Xibraltar e o Golfo de Cádiz deron como resultado datos de gran calidade científica que abren a porta a desenvolver un innovador estudo sobre a reconstrución da apertura do Estreito e as súas posteriores implicacións. Neste tempo, 31 científicos de organismos nacionais e internacionais participaron na campaña Contouriber-1 comandada pola Universidade de Vigo para o estudo das correntes e a circulación das masas de auga oceánica para coñecer a evolución dos fondos mariños e as implicacións ambientais e facendo mapas de gran detalle dos fondos mariños ata 3 quilómetros de profundidade.

Cando se abriu o estreito inundouse o Mediterráneo que estaba desecado e, posteriormente a auga profunda do Mediterráneo saíu polo estreito cara o Atlántico, o que tivo implicacións na circulación de todo o Atlántico e no clima. Este fluxo de saída dende entón xerou importantes acumulacións sedimentarias “que son un rexistro magnífico para deducir os cambios da circulación oceánica e son ademais interesantes por ter grandes acumulacións de gas e de recursos minerais”.

A expedición permitiu tamén acadar datos magnéticos e gravimétricos que permiten coñecer a evolución recente destas áreas así como numerosas mostras de sedimentos mariños para determinar a idade dos mesmos, a peleo-circulación e o paleo-clima. É dicir, que estes datos permiten “avaliar o efecto que ten na actualidade e tivo no pasado a circulación das masas de auga nestes tres contextos xeolóxicos diferentes”. De feito, o obxectivo da campaña é realizar un innovador estudo sobre a reconstrución da apertura do Estreito de Xibraltar e as súas posteriores implicacións tanto na paleo-circulación submariña, os cambios ambientais naturais (clima e nivel do mar), como na localización de recursos enerxéticos e minerais.

Esta é unha campaña oceanográfica multidisciplinar relacionada directamente coa Proxecto Internacional de perforaciónInternational Ocean Drilling Program –IOPD-644-. Ao abeiro desta iniciativa realizaranse sondeos profundos no Golfo de Cádiz e oeste de Portugal entre novembro de 2011 e xaneiro de 1012. Este proxecto de futuro está coliderado tamén pola Universidade de Vigo xunto coa Universidade Heriot Watt de Reino Unido e servirá para desenvolver os estudos precisos no caso de saír adiante unha posible futura construción do túnel entre España e Marrocos.

También te puede interesar