_agenda Agenda

Cimiterios, sexo e guerra para pasar a tarde

Un momento da obra 'Sexo? Por que non?
Un momento da obra 'Sexo? Por que non?, que se representará no Pazo da Cultura.

Tarde teatral ao cento por cento. O auditorio municipal de Vigo acolle a partir das 21 horas ‘Un cranio furado’, de Produccións Teatrais Escénicas e cun elenco de verdadeiro luxo: Víctor Mosqueira, Dorotea Bárcena, Evaristo Calvo e Santi Romai. Os feitos acontecen nun país de chan acedo e alta pluviosidade, a emigración e un catolicismo escéptico fan parte do ADN mentres que no cimiterio arredor dunha cova aberta convócase toda a curiosidade e a malicia dos supervivintes.

Se non te importa desprazarte terás dobre sesión en Redondela e Pontevedra. O Multiusos da Xunqueira acolle ás 20:30 horas ‘Historia dun soldado’, un espectáculo de sombras con música de piano, violín e clarinete onde se conta a historia dun soldado de permiso que, de regreso a casa, atópase co demo, que intenta cambialo por un libro máxico no que poderán ver todas as cousas marabillosas do mundo. Enganado, o soldado acepta e queda atrapado nas mentiras e trampas para levalo ao inferno.

E no Pazo da Cultura de Pontevedra representarase (21 h) fuxindo do bombardeo pornográfico, do tópico e do chiste fácil ‘Sexo? Por que non?’, a cargo da compañía Emoción & Arte. Unha comedia trepidante na que desde Adán e Eva ata os nosos días se mostran situacións cotiás en torno ao encontro carnal, unha comedia reflexiva, un punto de encontro humorístico para rachar cos tópicos e tabús.

También te puede interesar