Galicia

Máis de 19.000 nenos fan migas co peixe no colexio

pescado_3

O proxecto piloto foi un éxito, así que o vindeiro 13 de outubro arranca o programa ao cento por cento. Máis de 19.000 nenos de colexios públicos de toda Galicia consumirán peixe galego fresco no comedor escolar a través da campaña ‘O sabor da aventura está no mar’. A campaña está destinada a rapaces de entre 6 e 12 anos sobre todo do interior, entre os que se repartirán 152.000 racións ao longo de todo o curso en 158 colexios públicos.

A través deste proxecto preténdese proporcionar aos nenos os coñecementos sobre o mundo do peixe e a importancia que ten na dieta polas súas achegas nutritivas de xeito lúdico e formativo cun obradoiro e un cátering semanal de pratos preparados a base de peixe fresco galego. O obradoiro inclúe un breve conto con 7 rapaces como protagonistas, cada un cun súper poder vencellado a cada unha das vitaminas das especies que  se van repartir polos centros. Ademais, unha obra de teatro se centrará na importancia de comer peixe e de respectar a talla mínima.

As receitas do cátering están elaboradas a base de peixe fresco respectando os aspectos nutricionais e os gustos dos alumnos, como fideuá de mexillóns, a hamburguesa de sardiña, a pizza mariñeira ou a lasaña mariñeira. As especies que a Consellería empregará son as capturadas polas organizacións de produtores, fundamentalmente xurelo, xarda, lirio e pescada, así como rodaballo, troita e mexillón.

También te puede interesar