RGPD - Cookies
Ciencia y Tecnología Cultura

Carballo-Calero, Premio Galicia de Investigación 2009

María del Carmen Carballo-Calero.
María Victoria Carballo-Calero.

Mª DEL CARMEN ECHEVARRÍA/UNIVERSIDADE DE VIGO/ Transcorreron máis de catro décadas desde que a catedrática da Historia da Arte da Universidade de Vigo María Victoria Carballo-Calero comezou o seu traballo como investigadora. “As circunstancias era moi distintas entón”, recoñece a flamante Premio Antonio López Ferreiro de Investigación Humanística para investigadores sénior, “empezábamos cun catedrático e non pedíamos nada. Recordo que o primeiro texto que escribín dinllo a ler a moitísima xente antes de publicalo e agora hai outra dinámica completamente distinta”.

Eran outros tempos e se ben co paso dos anos cambiaron moitas cousas, non a ilusión e a capacidade de traballo de quen foi directora de departamento e decana da Facultade de Historia e que iniciou a súa traxectoria con varios traballos sobre a pintora galega Julia Minguillón. A partir aí a produción artística de Castelao, Maruja Mallo ou Luis Seoane, acompañou a Carballo- Calero ao longo dos anos nos que tamén centrou a súa actividade en outras liñas de investigación sobre debuxo, ilustración, gravado ou arquitectura.

Décadas de traballo que agora son recoñecidas co Premio Galicia de Investigación 2009 que convoca a Consellería de Economía e Industria. “Cando me chamou o conselleiro foi unha grandísima alegría”, asegura a catedrática da Universidade de Vigo que na actualidade traballa nun proxecto sobre editoriais de vangarda en Galicia.

Necesidade das humanidades

Nunha etapa de crise económica global como a actual, María Victoria Carballo-Calero reivindica a necesidade das humanidades que considera “fan moitísima falta”. Sen negar a importancia dos avances que se producen nos ámbitos científico e tecnolóxico, a investigadora defende “unha investigación distinta, máis longa” pero recoñece que “logo cando vas a un concurso con persoas doutros ámbitos non tes a mesma consideración”.

E cando se cumpren 100 anos do nacemento de Ricardo Carballo-Calero, a súa filla María Victoria non pode evitar pensar nel tras coñecer a concesión do galardón. “Este ano é o centenario do meu pai e indubidablemente tivo moito que ver nun camiño no que sempre tiven, moi claro que me gustaba a universidade”, explica.

También te puede interesar