Galicia

A Xunta publica 10.000 fotos feitas para o Plan Litoral

As 10.000 fotografías aéreas actualizadas da costa galega feitas para os estudos do Plan de Ordenación do Litoral xa poden consultarse na web da Xunta. Un banco de imaxes en ángulo oblicuo cun alto valor informativo, divulgativo, paisaxístico e de grande beleza elaborado a partir de diferentes voos que cobren a totalidade do costa galega e que contan con coordenadas xeográficas que poden ser incorporadas a bases de datos xeográficas e ser visualizadas en programas como Google Earth.

As fotografías foron publicadas baixo unha licenza libre CreativeCommons3 que permite calquera uso sempre que se cite ao “Plan de Ordenación do Litoral de Galicia” e á Xunta de Galicia e que os traballos derivados se compartan coa mesma licenza. Tampouco se autoriza un uso comercial deste material.

A publicación do banco de fotos é unha primeira fase dun proxecto que persegue incrementar o coñecemento do litoral a través da participación cidadá, posto que ao mesmo tempo que se pon a disposición as 10.000 fotos, anímase a todos cidadáns, asociacións e os amantes da costa a incrementar esta base documental coas súas fotografías.

As achegas deberanse enviar ao enderezo electrónico [email protected], indicando a autoría, a data así como a ubicación espacial (coordenadas xeográficas) das mesmas. Ademais, dende a Xunta invítase aos usuarios a que colaboren, a través do mesmo enderezo electrónico, para mellorar o banco de imaxes do litoral, enviando suxerencias, notificación de erros no posicionamento das fotografías e outras incidencias.

También te puede interesar