Galicia

Os maiores copan as chamadas ao teléfono social da Xunta

O teléfono social da Consellería de Traballo e Benestar, o 900 333 666, ten traballo arreo: nos seis primeiros meses do ano xestionou preto de 3.000 chamadas. O 41% das chamadas recibidas (1.527) estiveron relacionadas coa área do maior, mentres que o 37% foi para a infancia e apenas un 11% para a de discapacidade.

O perfil dos usuarios que utilizan o teléfono social é moi variopinto. Así, por exemplo, as consultas referidas á area do maior tiveron que ver na súa gran maioría con casos referidos a mulleres de entre 65 e 79 anos do ámbito urbano. Son os seus fillos os que chamaron nun 36% dos casos, seguidos das propias persoas maiores que marcaron o 900 333 666 nun 24% do total das chamadas recibidas nesta área.

No caso da área de discapacidade, a maioría das consultas foron referidas a homes (nun 55%) de entre 18 e 45 anos (38%) que presentan un grao de discapacidade de entre o 65 e o 74 por cento. Nun 34% foron os propios interesados os que realizaron a consulta no teléfono social.

Con respecto ás consultas relativas á dependencia, os demandantes deste servizo foron na súa maioría mulleres (75%) tanto do rural como da zona urbana. Os fillos, pais ou titores dos destinatarios da solicitude realizaron a chamada nun 49% das 486 peticións contabilizadas nesta área, mentres que nun 30% foron outros familiares.

Pola súa banda, ao teléfono da infancia chamaron case na metade dos casos os pais ou titores, seguidos de profesionais (dos ámbitos dos servizos sociais, educativo e policial polo xeral) e dos propios menores.

Tipoloxía das chamadas

O motivo das consultas desenvolvidas na área do maior foi nun 45% sobre dúbidas relacionadas cos recursos en xeral que oferta a Consellería e nun 40% sobre recursos específicos, mentres que as chamadas preguntando por recursos asistenciais sumaron o 9% do total.

As chamadas por temas de discapacidade foron nun 32% polos programas específicos do departamento autonómico, mentres que nun 22% tiveron que ver coas prestacións socio económicas, seguidas nun 17% por preguntas relativas á dependencia.

Con respecto á tipoloxía das consultas desenvolvidas na área de dependencia é significativo que nun 93% dos casos foron para solicitar información diversa e so nun 7% por reclamacións ou queixas.

Por último, no teléfono da infancia contabilizáronse 319 consultas para pedir información sobre axudas económicas na maioría dos casos (un 32% do total de chamadas). Para solicitar asesoramento, chamaron nun 19% dos casos no primeiro semestre do ano, sobre todo, ante situacións de risco ou desamparo.

Nun 9% as chamadas relacionáronse con comunicacións ou ante sospeitas de maltrato. Foron 86 as consultas deste tipo, das que un 56% tiveron que ver con situacións de abandono físico e/ou neglixencia, un 17% con maltrato físico e un 15% con situacións de risco social.

También te puede interesar