Cultura

Nada de irse coa música a outra parte

musicosO tenente de alcalde anunciou hoxe a creación dun coro e orquestra xuvenís, que integran o proxecto Xovigo. Segundo destacou na presentación da iniciativa, na que tamén colabora a Asociación Galega de Música Atlantic Musik, o obxectivo de Xovigo é “contribuir á formación artística e académica no eido musical e artístico da mocidade viguesa” e avanzou que tras a selección de integrantes e os ensaios pertinentes, o coro e a orquestra poderán realizar a súa primeira actuación en primavera de 2011.

A finalidade é lograr que un maior número de mozos e mozas teñan a oportunidade de gozar coas diferentes opcións musicais que se desenvolven en Vigo e Galicia. Ao seu xuízo, os directores convidados para poñer en marcha o coro e a orquestra, “garanten o éxito do proxecto“.

Neste sentido indicou que o coro terá como director musical e artístico a Oscar Villar, actual director da coral Casablanca. Respecto á orquestra, explicou que o seu director artístico será Roberto Relova, ex director do Conservatorio Superior de Música e “vencellado dende hai anos á vida musical de Vigo“, mentres que o director musical será Diego Rodríguez.

No tocante ás probas de selección para participar en Xovigo, o tenente de alcalde indicou que o proxecto está destinado a persoas con idade comprendida entre 15 e 25 anos. As probas para participar no coro comezarán en setembro e segundo resaltou o nacionalista, non é preciso ter formación musical ou vocal previas. Para formar parte da orquestra, pola súa banda, as probas serán en decembro, de forma que os ensaios podan comezar a principios do vindeiro ano e a primeira actuación do coro e a orquestra no mes de marzo de 2011.

O edil tamén fixo fincapé en que os aspirantes admitidos non recibirán retribución pola súa participación no coro ou na orquestra, pero terán ao seu alcance cursos de formación, master class e obradoiros impartidos por especialistas.

También te puede interesar