Galicia

Electricista industrial, unha nova saída laboral para personas desempregadas

electricistaA Concellería de Formación e Emprego do Concello de Mos pon en marcha este ano 2010, en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, unha relación de cursos de Accións Formativas para Desempregados (AFD) que albergarán a máis de cen alumnos, “aos que se lle darán os coñecementos e destrezas necesarias para mellorar as súas posibilidades de inserción laboral”, explica Gerardo Alonso, concelleiro de Formación e Emprego do Concello de Mos e director do Centro de Desenvolvemento Local (CDL).

O CDL de Mos presentou o programa de Electricista industrial que cursarán 15 persoas. Serán un total de 680 horas de formación teórico-práctica, ademais dun periodo de prácticas prelaboais en empresas do sector. Durante o programa, a maiores dos contidos específicos tamén se impartirá un módulo de prevención de riscos laborais e outro de igualdade de oportunidades.

Trala realización das clases teórico-prácticas no CDL de Mos, os alumnos terán a oportunidade de achegarse ao mundo laboral mediante a realización de prácticas en empresas do sector correspondente á natureza do curso, obtendo, nalgúns casos, os mellores dos resultados: un contrato profesional. E é que nestes momentos de crise económica, “o reto está en manter ou acadar un posto de traballo, por iso o noso principal obxectivo é sempre a inserción laboral de todos estes alumnos”, asegura Gerardo Alonso. Noutros anos atrás, moitos dos alumnos quedáronse nas empresas nas que desenvolveron as súas prácticas e incluso “algunhas entidades, ao contactar con elas para xestionar ditas prácticas, xa nos realizaron propostas de contratación solicitando un perfil concreto”, subliña Alonso.

Caldereiro industrial a novidade neste 2010

Este ano, ademais de solicitar algúns dos cursos “estrela” pola súa inserción laboral do 100% como é o de soldadura, “apostamos por innovar e propoñer algún novo con boas perspectivas de futuro”, remarca o concelleiro de Formación e Emprego. Nesta liña enmárcase o de Caldereiro industrial, pois existe unha demanda latente destes profesionais, “xa que incluso empresas que acolleron a alumnos do curso de soldador preguntábanos se tíñamos algún caldereiro”, explica.

A día de hoxe están en curso os programas de Soldador de estruturas metálicas lixeiras, Caldereiro industrial e Electricista de edificios. A estes engádeselle o de Electricista industrial presentado na xornada de hoxe e o de Atención sociosanitaria no domicilio que se presentará este venres, 6 de agosto. A maiores, para o mes de setembro está programado o comezo doutros dous cursos, o de Inglés atención ao público e Portugués atención ao público.

También te puede interesar