Galicia

Náutico Firrete e Rodeira de Cangas, campións en Pontedeume e As Pontes

A XV Copa Galega de Ríos e Travesías citou esta fin de semana en augas coruñesas aos padexeiros do Grupo 1 e 2. Pola mañá foi a quenda da Travesías da Pontes, para o Grupo 2, mentres que xa pola tarde, en Pontedeume, se disputou a 44ª Baixada do Río Eume, Grupo 1.

Tan só 4 puntos de diferenza valéronlles aos do Real Club Náutico Rodeira de Cangas para proclamarse campións na clasificación xeral por clubes da Travesía das Pontes logo de sumar, entre todos os seus integrantes, un total de 974 puntos. Moi de preto estivo o Club Piragüismo As Torres Romería Vikinga, de Catoira, 970 puntos e acompañados tamén á hora de subir ao podium, pola Escuela Piragüismo Ciudad de Pontevedra, con 963.

Pola súa banda, o Club Náutico Firrete non lle deu opción aos 27 clubes restantes que participaban tamén na 44ª Baixada do Río Eume, para  arrebatarlle o seu primeiro posto na clasificación xeral por clubes. Os do Firrete, motivados tal vez pola homenaxe que con cada padexar lle quería rendir ao seu compañeiro Carlos Filgueira, acadaron unha puntuación total de 2.285 puntos, seguidos moi de lonxe polos 1.545 do Escuela Piragüismo Ciudad de Pontevedra e os 1.334 do Club Piragüismo Illa de Arousa.

También te puede interesar