Cultura Galicia

A publicidade dunha película, como un anuncio visto por 72 millóns de persoas

O equipo que fixo o estudio sobre turismo cinematográfico.
O equipo que fixo o estudio sobre turismo cinematográfico.

Galicia pode ter nas súas mans un novo xeito de atraer xente: o turismo cinematográfico. Un grupo de investigadores da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense está a estudar este mercado para propor un modelo de aproveitamento das rodaxes para a promoción e xeración de imaxe turística. E é que prestar a túa cidade como esceario equivale á publicidade conseguida cun anuncio visto por 72 millóns de espectadores.

Cidades como Barcelona saben ben o que é tras o rodaxe de filmes como ‘Todo sobre mi madre’, ‘Vicky, Cristina, Barcelona’ ou ‘El Perfume’. ‘Alatriste’ deixou 3 millóns de euros en Andalucía e ‘El señor de los anillos’ levou Nova Zelanda a 100 millóns de espectadores de todo o mundo.

O equipo, integrado polos profesores María Lorena Rodríguez, María Cruz del Río, Ana Pérez, Ángel Barajas e Trinidad Domínguez busca cal é o mellor modelo a implantar en Galicia para atraer as rodaxes de películas e series de televisión e utilizalas para xerar a imaxe de destino desexada. O grupo buscará tamén as ferramentas necesarias para aproveitar o patrimonio cinematográfico tanto dende o punto de vista de produto cultural como de instrumento de proxección da imaxe turística.

O proxecto, que conta cunha subvención de máis de 60.000 euros concedida pola Xunta, deberá estar rematado a finais de 2012. E unha parte importante da investigación vai consistir na análise de películas como ‘A lingua das bolboretas’, ‘O lapis do carpinteiro’, ‘Lena’, ‘Trece badaladas’ ou ‘Los girasoles ciegos’ e series de televisión como ‘Padre Casares’, ‘Mareas Vivas’ ou ‘Hospital Central’ e a repercusión que trae aparecer nelas.

También te puede interesar