RGPD - Cookies
Vigo al día

O Consorcio do Casco Vello reúne aos arquitectos que rehabilitarán 36 casas do barrio histórico

Casco Vello Vigo/Tresyuno ComunicaciónOs IV Encontros do Consorcio Casco Vello de Vigo. Intervención pública nun conxunto histórico deron comezo esta mañá na sede do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) de Vigo, onde se reuniron ao redor de medio centenar de profesionais do sector da construción e rehabilitación de inmobles para intercambiar impresións e analizar a implicación das Administracións públicas na recuperación dos conxuntos históricos.

As xornadas comezaron a primeira hora da mañá coa presentación de Ricardo Valencia, director técnico de Construcións e Calidade do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), e Alfonso Ramos, xerente do Consorcio, para continuar despois coas primeiras ponencias a cargo dos arquitectos Martín de Cominges, Antonio Hernández, Javier Franco e Vicente Pintos.

Despois, a presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo e delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares, deu a benvida aos arquitectos encargados de levar a cabo os proxectos e as obras de rehabilitación dos 36 inmobles propiedade do Consorcio, participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo, e que hoxe participaron nas xornadas.

 Molares agradeceulles o traballo feito nos inmobles rehabilitados nos que actuaron e destacou a calidade dos materiais empregados en cada intervención. Así, sinalou que é nesta liña da rehabilitación na que debe seguir traballando o Consorcio Casco Vello e recordou que, neste mesmo ano, os vigueses e viguesas poderán acceder ás primeiras 27 vivendas completamente rehabilitadas polo Consorcio, e que suporán un gran paso para lograr “ese calor que queremos darlle ao Casco Vello e que lle dará vida, que é o que necesita”, subliñou Molares.

Neste senso, recordou que a proximidade ao mar do Casco Vello e a recente posta en funcionamento do Porto de Vigo coma base de cruceiros “non é soamente unha oportunidade para recuperalo, senón tamén para conseguir a dinamización da cidade, do turismo e do comercio”. 

Tras as súas palabras, os arquitectos que participaron na rehabilitación dos inmobles das rúas Abeleira Menéndez, Real, Santiago, Cruz Verde, Ferrería, San Sebastián-Subida ao Castelo e Hortas, a maioría de Vigo, explicaron técnicamente e polo miúdo en qué consistiron os proxectos que levaron a cabo.

También te puede interesar