Cultura Galicia

A Merce Cunningham Dance Company chega a Vigo, Compostela e A Coruña da man do Xacobeo 2010

Vigo será a primeira das paradas o vindeiro 25 de xuño, cando actuará no Centro Cultural Caixanova. Alí a compañía representará o espectáculo “Nearly 902”, a creación final de Merce Cunningham

 

 

MerceCunningham_SecondHandwVigo, Santiago de Compostela e A Coruña acollerán o espectáculo dunha das máis prestixiosas compañías internacionais de danza contemporánea, a Merce Cunningham Dance Company, dentro da programación do Camiño das Artes Escénicas de Xacobeo 2010. No escenario, 14 bailaríns ofrecerán un espectáculo co que pretenden continuar o esforzo e preservar o legado do seu fundador, Merce Cunningham, coreógrafo americano que revolucionou os piares da danza moderna mesturando a danza coa música e as artes visuais.
 Merce Cunningham Dance Company é a principal obra do seu fundador que, en 1975 crea a súa primeira obra marcando un antes e un despois na danza moderna. Merce Cunningham, Washington 1919-2009, foi solista na compañía de Martha Graham, desde 1939 a 1945, aínda que en 1944 presentou o seu primeiro concerto solista en Nova York con John Cage. 

A Merce Cunningham Dance Company formouse no Black Mountain College no verán de 1953, data desde a que Cunningham coreografiou preto de 200 obras para a súa compañía. Non obstante, o seu interese pola tecnoloxía contemporánea impulsouno a traballar co programa informático “DanceForms”, que usou para realizar todas a súas danzas desde o traballo Trackers, en 1991. En 1997 empezou a traballar na captura de movementos para desenvolver o decorado para BIPED, interpretada por primeira vez en 1999.

A súa traxectoria profesional foi recoñecida internacionalmente con diferentes premios, entre os que destacan o Praemium Imperiale, que recibiu en Tokio en 2005, ou o nomeamento en Francia de comandante da Orde das Artes e das Letras en 1982. Falecido o pasado ano, a compañía pretende continuar o seu esforzo por compartir e preservar o seu legado e, durante este ano, presentará a súa obra póstuma en países coma Estados Unidos, Francia ou España.

Da man de Xacobeo 2010 terá Vigo como primeira das paradas o vindeiro 25 de xuño, cando actuará no Centro Cultural Caixanova. Alí a compañía representará o espectáculo “Nearly 902, a creación final de Merce Cunningham e unha das súas máis inesquecibles pezas mestras. Creada pouco antes do seu falecemento, este traballo recolle o coñecemento e as prácticas de más de 70 anos de traxectoria profesional e representa o cumio da súa creatividade.

Entradas á venda

Continúan as entradas á venda para asistir ao espectáculo que ofrecerá nas cidades de Vigo e Santiago de Compostela, a través de Caixanova e Caixa Galicia, respectivamente. Para a cita de A Coruña xa están esgotadas. 

 

 

 

 

 

También te puede interesar