_agenda Agenda

A arte está a 89 quilómetros de distancia

Unha selección de fondos da colección do Centro Galego de Arte Contemporánea chega agora ao Marco, a 89 quilómetros da súa casa. Ata o vindeiro 19 de setembro, o museo vigués acollerá esta mostra comisariada por Virginia Torrente, un conxunto de 84 obras de 63 artistas que inclúe pezas en distintos soportes, moitas delas descoñecidas polo público.

O CGAC alberga, ademais da súa colección propia, os fondos da Colección Fundación ARCO, que se atopa en depósito no centro galego. Ambas as dúas coleccións son obxecto dunha relectura levada a cabo por Virginia Torrente, comisaria independente, que seleccionou un conxunto de pezas en gran parte descoñecidas para o público, nunha das posibles e múltiples lecturas que se poderían realizar desta colección. O título da mostra, “89 Km.”, fai referencia á distancia existente entre Santiago e Vigo, que durante tres meses se converte nun percorrido de ida e volta para as obras.

A Colección do CGAC conta na actualidade con máis de mil obras, e nela están representados artistas de distintos contextos, con grande diversidade no que se refire a linguaxes e soportes. Esta exposición permite un achegamento á colección e, con iso, á historia do CGAC e do coleccionismo institucional en Galicia, con propostas artísticas que reflicten os momentos máis significativos do panorama artístico.

A montaxe das obras nas salas do MARCO estrutúrase en eixes temáticos, como un relato en seis capítulos, que atopa a súa correspondencia nos espazos da planta baixa: interpretacións do cotiá; a mensaxe e os seus outros significados; cuestionar as convencións; a esencia do artista e o seu debuxo; mapa da aldea global e exercicios espaciais en torno ao museo.

También te puede interesar