_agenda Agenda

A lotería fai un casting pola crise no tenderete

'Viva a crise', de Fulano, Mengano e Citano.
'Viva a crise', de Fulano, Mengano e Citano.

Non, non estamos tolos, senón que iso parece que quere dicirnos o programa ‘Vigo a escena’, que esta tarde trae catro novas obras ás asociacións veciñais de Vigo, unha para os máis pequechos da casa e outras tres para o público adulto.

Nekane Fernández e Zezilia Menéndrez serán as encargadas de montar ‘O tenderete da cachifallada’ ás 18:30 horas na asociación de veciños Val do Fragoso. Carlota e Marieta revolven do faiado da súa casa na busca de cachifallos que elas convertirán en novos obxectos transformados con moita imaxinación e creatividade. Roupa, latas, regadeiras e outros trastes que se converten en seres fantásticos con historia propia e que mestura o mundo real co imaxinario. A idea é realizar trocos e, durante a súa laboura, xurdirán dous contos, ‘Matilde e a pantasma’ e ‘A Coca de Redondela e a Serpe Mariña de Gloucester’.

Nas sesións para adultos terás tres ofertas entre as que escoller. Fulano, Mengano e Citano querrán convencernos de que ‘Viva a crise’ na asociación veciñal Praza da Miñoca (20 horas). Hai realmente crise ou é que estamos de resaca? Mentres outros pénsano e buscan solucións, a compañía aplicará as únicas menciñas coñecidas que existen contra este mal: pírulas de enxeño, xarope de humor e inxeccións de retranca. Unha serie de historias enlazadas, tratadas cun humor ácedo e actual que se desenvolven ao redor desta arrevesada e difícil etapa.

No paraninfo do IES Santa Irene, Lambríaca Produccións representará ‘Benito Bienvenido (O Casting)’ (20 horas). Durante 75 minutos, Benito e Varela, amigos desde nenos, tomando unhas cuncas de viño chegan ao acordo de que o primeiro que chegue a ter éxito no mundo do cine levará ao outro. Varela faise un famoso director e Benito preséntase ao casting que hai para escoller actor principal para unha superproducción. Aí é onde comeza a trama dun home que procura dar de todo de si para obter o papel da súa vida.

Para rematar, a UVV CD de Candeán acolle ‘A Lotería’, de Rueiro (20 horas). Unha obra de Hugo Daniel Marcos, unha comedia nun só acto que presenta o egoísmo e a deshumanización que na actualidade estamos a vivir no mundo e como este egoísmo dáse no primeiro chanzo da sociedade que é a familia. O patio dunha casa de clase media onde a familia se xunta os domingos para comer é o escenario.

También te puede interesar