RGPD - Cookies
Sin sección

Ruxe o Rías Baixas

Rallye Rías Baixas/Tresyuno ComunicaciónO 46º Rallye Rías Baixas Vodafone Gran Premio Turismo de Vigo ponse en marcha. O actual líder do Campionato de España de rallyes de asfalto, o alacantino Miguel Fuster é o primeiro en tomar a saída. O trazado das Neves, estreito e bastante sucio, non é o máis idóneo para o seu Porsche 911 GT3 pero o alacantino vai a por todas porque quere comezar a marcar diferenzas cos seus rivais. Non corren Vallejo nin Ojeda, pero Alberto Hevia ou a “armada galega” (Pedro Burgo, Víctor Senra e Alberto Meira) ameazan con porlle as cousas moi difíciles. Ademais contan co alento da afección que, fiel á cita, madruga como nunca para situarse nas mellores posicións e como manda a organización, detrás da cinta amarela.
 
Desta forma arrincará o rallye que conseguiu sobrevivir á crise grazas ao apoio das institucións, o alento dos apaixonados ao mundo do motor e o traballo incansable da Escuadería Rías Baixas e os seus máis de medio milleiro de voluntarios.
 Acabar a xornada no máis alto do caixón do pódium, que se situará na Porta do Sol, pasa por ser o máis rápido nos 164,14 kms cronometrados dos que consta o percorrido. Pola mañá, ademais das dúas pasadas ao tramo das Neves, os participantes tamén percorrerán o de Covelo, a especial máis longa do “Rías” con 23,62 quilómetros, e darán a primeira pasada ao de Fornelos de 11,37 quilómetros. A segunda farana á primeira hora da tarde, xornada que se completará co bucle a Ponteareas (de 14,77km) e Mondariz (de 17,96). Entón coñeceremos se Miguel Fuster é capaz de revalidar vitoria na proba viguesa ou se cede ao caixón máis alto do pódium a algún dos seus rivais.
 
 A Cerimonia de Entrega de Trofeos celebrarase na Porta do Sol as dez da noite, o mesmo sitio no que tivo lugar este venres a cerimonia de saída coa presenza da delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Lucía Molares; o Tenente de Alcalde do Concello de Vigo, Santiago Domínguez; o concelleiro de deportes, Xabier Alonso; o delegado de deportes da Deputación de Pontevedra José Enrique Sotelo e representantes das firmas patrocinadoras. Un acto que congregou a numeroso público, apaixonados do mundo do motor que non quixeron deixar escapar a oportunidade de ver de preto aos equipos, e cidadáns de paso pola zona de compras que se sentiron atraídos por toda a montaxe que levou a cabo a Escuadería Rías Baixas na rúa peonil máis importante de Vigo.
 
Quentando motores

O Shakedown, que se celebrou pola mañá nos montes das parroquias viguesas de Beade e Bembrive, foi un bo aperitivo do que se poderá ver durante a xornada do sábado nas estradas do Sur da Provincia. Os 27 pilotos inscritos neste tramo test de case tres quilómetros, aproveitaron as cinco pasadas regulamentarias para ultimar a posta a punto dos seus vehículos, detectar anomalías de última hora, e en definitiva quentar motores.

O Shakedown desenvolveuse entre as dez e as doce da mañá cunha gran presenza de afeccionados ao longo do tramo.

También te puede interesar