Comarcas

Voltar ás aulas pasados os 50

Moita ilusión, gañas de aprender e vivir novas experiencias motivan aos maiores de 50 anos na súa volta ás aulas e facer o carnet de universitario. Xa non só para ampliar os seus coñecementos senón tamén para crear novas relacións e intercambiar experiencias, todas estas persoas anímanse a comezar unha nova etapa chea de superacións.

Trátase do Programa para Maiores, un proxecto de desenvolvemento científico-cultural dirixido a promover a ciencia e a cultura nas persoas de idades máis avanzadas, ao mesmo tempo que as relación interxeracionais. Unha oferta de estudos para aqueles que no seu momento non puideran acceder á universidade ou que sendo xa titulados se atopan en idade inhabitual para as tarefas académicas.

E José Fariñas, profesor do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal e coordinador do programa de maiores da Universidade de Vigo, xunto con Leonardo Fuentes (profesor do Departamento de Psicoloxía Evolutiva e Comunicación e colaborador docente no programa de maiores da Universidade de Vigo) ofreceron no Centro de Desenvolvemento Local de Mos unha charla coloquio sobre estes estudos.

Dende o comezo desta iniciativa nos tres campus da Universidade de Vigo hai hoxe xa cinco anos, o número de alumnos foi en aumento ata acadar os 300 actuais e “sempre con moi bos resultados”. Para realizar estes estudos só é preciso ter 50 ou máis anos, sen necesidade de estar en posesión de ningunha titulación. A matrícula non é excesivamente custosa, uns 120 euros por curso coa posibilidade de poder fraccionala en catro pagos; ademais, existen incluso bolsas de exención total e de exención parcial (o 25%).

Para todos aqueles que desexen comezar esta nova andaina o período de preinscrición abrirá o vindeiro 26 de xullo permanecendo aberto ata o 10 de setembro. Os trámites deberán realizarse na Vicerreitoría correspondente en horario de 09.00 a 14.00 horas.

También te puede interesar