_agenda Agenda

Ou vai ou non vai, pero quieto non queda

A danza tomará esta tarde (21:30 horas) o Teatro Municipal de Tui. A compañía de Quique Peón leva a escena ‘Ovay’, un solo de danza interpretado polo propio Peón acompañado polos músicos Xosé Lois Romero e Suso Vaamonde. Un espectáculo no que se relata a viaxe dun bailarín, a liberdade sen lastres, o movemento renovado e a expresión dunha inquedanza sobre a propia escena.

A obra quere amosar a forma de expresión humana empregando un amplísimo anado de movementos tradicionais galegos que evolucionan ata chegar aos nosos días. E para iso mestúranse as frases tradicionais no marco da danza contemporánea, tentando non perder a expresividade e a sentimentalidade. A obra vai máis aló do virtuosismo do bailarín amosándonos o seu interior, fusionando instrumentos, canto, teatro e baile. Non perdas a oportunidade de disfrutar deste espectáculo e compra a túa entrada (entre 5 e 3 euros) por Internet ata as 16:30 horas ou a partir das 20 h no despacho de billetes da Área Panorámica.

O autor

Quique Peón centrou a súa actividade na investigación etnográfica de Galicia, con especial atención á danza tradicional na teima de conversala, divulgala, dignificala e colocala no lugar que lle corresponde dentro das artes escénicas. Froito destas ideas e do seu traballo de campo son os centos de melodías e danzas que ten recuperadas e a súa longa traxectoria coma bailarín e profesor.

También te puede interesar