Galicia Vigo al minuto

Os candidatos a reitor pechan campaña amosando o seu convencemento na vitoria

Javier Cabeza co seu equipo.
Javier Cabeza co seu equipo.
Salustiano Mato, co seu equipo.
Salustiano Mato, co seu equipo.

Mª del Carmen Echevarría e M. Del Río/ O campus de Vigo foi o lugar elixido polos candidatos a reitor da Universidade de Vigo, Jaime Cabeza e Salustiano Mato, para pechar onte a campaña electoral. Por medio hoxe a xornada de reflexión antes da celebración da votación que determinará se Nova Universidade ou Alternativa Universitaria dirixen o destino da institución os vindeiros 4 anos. Ambos candidatos coincidiron en sinalar o seu convencemento na vitoria e animaron á comunidade universitaria, en especial ao alumnado, a participar no proceso electoral no que tamén se elixirán os representantes do Claustro.

Atrás quedan 10 días de campaña nos que os candidatos a reitor percorreron escolas e facultades dos campus de Ourense, Pontevedra e Vigo, explicando cadanseu programa e demandando o voto do PDI, do PAS e do alumnado que conforma un censo que supera as 23.000 persoas. O reitor determínase mediante elección directa e sufraxio universal, libre e secreto, sendo o voto ponderado por sectores. Pola súa banda o Claustro estará composto por 254 membros que por primeira vez serán elixidos con criterios que fomenten a paridade de xeito que os electores e electoras só poidan votar a un máximo dun 60% de candidatos dun xénero, resultando elixidos os que obteñan maior número de votos.

Convencido do cambio

“Estou convencido de que o día 20 a última hora da tarde vai haber un cambio nesta Universidade, porque xa van moitos anos de prepotencia e moi pouca eficacia no traballo”. Con esta rotundidade expresou este mediodía o candidato de Nova Universidade, Jaime Cabeza, o seu convencemento en que se converterá no próximo reitor da Universidade de Vigo á fronte de Nova Universidade. Cabeza, que pechou a súa campaña electoral cun acto co alumnado do campus de Vigo no Edificio Miralles e posterior festa nun local do campus, cualificou este período de “intenso”, ao tempo que acusou a Alternativa Universitaria de “tensar moito a corda e o debate”. Fronte a esta actitude Cabeza afirmou que Nova Universidade non entrou en discursos epatantes “para que se fale da Universidade por cousas das que xamais se debe falar da Universidade”, e eloxiou ao seu equipo e ao seu proxecto do que dixo “non é nada paternalista e dá resposta ás preguntas que ten toda a comunidade universitaria”.

Tras unha campaña na que Cabeza asegurou que Nova Universidade só se permitiu a frivolidade de empregar unha linguaxe sms para o seu slogan (+KBZA), o candidato a reitor asegurou que nestas eleccións enfróntase dúas formacións que demandan unha viraxe total das políticas actuais, “pero unha é herdeira do pasado e outra non. Entón que a xente xulgue que copia a quen”. Antes de acudir ás urnas Cabeza demandou á comunidade universitaria que pense que grupo é o mais transparente e o máis eficiente e cal “está traballando máis para que esta Universidade sexa máis xusta, máis equilibrada e con máis perspectivas de contactar coa sociedade”.

Máis cambio que o cambio

Neste peche de campaña, o candidato de Alternativa Universidade, Salustiano Mato coincidiu con Jaime Cabeza, “haberá un cambio o día 20, pero nós somos ese cambio, un cambio xurdido da fonda reflexión e dun cambio de metodoloxías, un cambio aconsellado polo momento no que nos atopamos, somo a alternativa de nós mesmos máis que ninguén”. Así o expresou Mato pola tarde nunha rolda de prensa de valoración da campaña electoral que caracterizou como curta e lamentou a falta de tempo para escoitar e para ser escoitados, “para retroalimentar”. O candidato de Alternativa Universitaria amosouse confiado na vitoria porque “somos mellores, un equipo potente, con máis experiencia e máis ambiciosos e seremos goberno as 24 horas para poñer a Universidade no mapa, e isto significa poñer a Vigo e a Galicia no mapa”. A pesar da falta de tempo, Mato dixo estar moi satisfeito co traballo realizado na campaña apostando por “unha mensaxe serie e unha análise profunda” e tamén coa ilusión de todo o equipo e a “alta participación en todos os nosos actos”. Con todo, lamentouse de ter máis debates, máis abertos e menos encorsetados “con máis frescura e máis naturalidade”.

Case 24.000 persoas chamadas a votar

En total, 913 doutores e doutoras con vinculación permanente á Universidade de Vigo (sector PDI-A); 1096 persoas que forman parte do resto do persoal docente e investigador (sector PDI-B); 20.966 estudantes (sector C) e 698 persoas que integran o persoal de administración e servizos (sector D), poderán exercer o voto o vindeiro 20 de maio para elixir ao novo reitor e aos representantes que integrarán o vindeiro Claustro da Universidade de Vigo. O censo definitivo está composto por 23.673 persoas das que a maior porcentaxe corresponde ao alumnado, seguido do persoal docente e investigador, os doutores con vinculación permanente á Universidade e o persoal de administración e servizos. Respecto das eleccións celebradas hai catro anos, o censo diminuíu en 2124 persoas, un 9,29% menos, acadando entón os 26.097 persoas con dereito a voto.

También te puede interesar