Ciencia y Tecnología Vigo al día

Catro mil persoas estrearán o voto electrónico nas eleccións na Universidade

A presentación do e-voto na Universidade de Vigo.
A presentación do e-voto na Universidade de Vigo.

A primeira experiencia de voto electrónico na Universidade de Vigo poderá vivirse o vindeiro 20 de maio no proceso de elección de consellos que terán lugar nalgúns departamentos. Catro departamentos optaron pola modalidade electrónica, polo que preto de 4.000 persoas poderán exercer o seu dereito a voto virtual, para o que deberán dispor dun sistema de usuario/contrasinal ou PIN que lles proporcionará a Universidade, así como doutro tipo de certificado dixital.

Esta experiencia piloto que vai servir para a implantación definitiva do sistema de voto electrónico nos vindeiros procesos electorais da Universidade. Ademais, forma parte do plan da Xunta de Galicia destinado ao desenvolvemento da Sociedade da Información e que no caso das universidades galegas materializouse na sinatura dun convenio de colaboración co obxectivo de establecer un sistema que será proporcionado pola empresa Scytl Secure Electronic Voting (Scytl).

Dereito Público, Dereito Privado, Enxeñaría dos Materiais, Mecánica Aplicada e Construción e Deseño na Enxeñaría son os catro departamentos nos que haberá votación electrónica, algo que simplificará moito as eleccións. Esta nova modalidade é segura e garante a transparencia do proceso electoral e a confidencialidade de voto. A comodidade de votar desde calquera ordenador, o aforro de recursos persoais e materiais e a protección medioambiental evitando a impresión de papeletas, que só no caso da elección a reitor e o Claustro son 60.000, son as vantaxes do sistema.

O voto electrónico non se aplicará nos procesos de elección de reitor e de Claustro que tamén se celebrarán o 20 de maio por unha cuestión de prazos.

También te puede interesar