Deportes Vigo al minuto

Pon a proba a túa orientación percorrendo o Galiñeiro

Preto de 320 corredores de Galicia, Asturias, León e Portugal achegaranse o vindeiro 8 de maio ao Galiñeiro para participar no IX Trofeo Universidade de Vigo de Carreiras de Orientación, que espera aumentar case un 12 por cento a participación na última proba. Sete itinerarios establecidos segundo nivel de dificultade, distancia e desnivel que irán dirixidos a amateurs e deportistas de elite, segundo a proba.

A organización leva preto dun mes traballando nos mapas e todas as esperanzas están postas nos tres membros do equipo da universidade, Alicia Pérez Alonso, Adrián Pérez Alonso e Jorge Solla Novegil, promesas da orientación que tamén representarán ao equipo vigués no Campionato Galego Universitario que terá lugar o vindeiro 1 de maio na Coruña e no Campionato de España Universitario do 12 ao 14 de maio en Teruel.

A proba arranca ás 09:30 horas coa entrega de cartóns aos participantes, mentres que a competición desenvolverase entre as 10 e as 14 horas. Todos os asistentes recibirán bocadillos, froita e bebidas isotónicas por parte da organización como premio á súa participación, mentres que os tres primeiros clasificados de cada categoría recibirán cadanseu trofeo.

Federados e non federados están convidados a participar nesta proba, aberta a calquera que se sinta atraído a contactar coa disciplina da orientación. A data límite de inscrición é o mércores 5 de maio ás 22 horas, polo que os interesados deben cubrir o formulario oficial Agaco e envialo a [email protected]. Para os federados, a contía é de 3 euros, mentres que os que non o están pagarán 7 euros se participan no percorrido oficial, 4 euros na categoría de iniciación curta e 5 na de iniciación longa. Os estudantes da Universidade de Vigo poderán participar de forma gratuíta adiantando 5 euros que lle serán aboados o día da proba, mentres que o custo para os usuarios da tarxeta SportIdent será de tres euros máis 32 de fianza, que será reintegrada no momento de devolución da tarxeta. Para a formalización da inscrición é indispensable o ingreso bancario na conta de Caixanova antes da data e hora límite.

Proba de iniciación

A orientación é unha disciplina en auxe entre os universitarios e, para fomentar a súa práctica, a Universidade de Vigo organiza o vindeiro 29 de abril a I Proba de Iniciación ás Carreiras de Iniciación, na que os participantes recibirán unha charla preliminar na que se lles explicarán as directrices básicas, como a interpretación dos planos e o uso do compás. A proba desenvolverase nun plano deseñado no campus e a participación será gratuíta. O prazo de inscrición remata unha hora antes do comezo da proba, que se iniciará ás 13 horas na aula do edificio do Servizo de Deportes.

También te puede interesar