Agenda Cultura

O teatro da universidade énchese de residuos

Se o teatro é unha arte eminentemente social nada mellor que unha universidade para agromar e desenvolverse nun espazo do máis axeitado e nunhas condicións máis que favorables. Por iso, esta tarde (18:30 h) a Aula de Teatro da Universidade de Vigo inaugura cos seus ‘Residuos’ a XII Mostra de Teatro Universitario do campus de Vigo.

Textos de María Zambrano, Suso de Toro, Lluisa Cunille ou William Shakespeare son os piares sobre os que se sustenta a primeira das obras que ao longo de seis días chegarán ao Teatro Roberto Vidal Bolaño de man de compañías universitarias galegas, de Salvador e de Honduras. Na obra de hoxe os actores parten do mito para chegar a ecos e rumores deses desexos e temores que son comúns ao xénero humano ao longo de todos os tempos e condicións.

Un referente

Miteu aspira a ser e a consolidarse como un espazo onde poidan mostrar os seus traballos grupos das Aulas de Teatro das tres universidades de Galicia, pero tamén representantes de universidades procedentes de países dos cinco continentes, tal e como ven acontecendo en todas as súas edicións.

Aspira tamén a ser un espazo de encontro, de intercambio e de diálogo, entre todas aquelas personas que aínda que estean lonxe xeográfica ou culturalmente, teñen en común a súa paixón polo teatro, que son capaces de abstraerse das súas preocupacións, de escaparse das súas obrigas diarias, de poñer un pouco de tolemia na súa vida e buscarlle un oco a esta actividade. E tamén, como non, aspira a proxectarse non só na comunidade universitaria, senón a impregnar toda a sociedade de teatro, facendo deste evento un referente e unha cita ineludible para todos os amantes desta arte.

También te puede interesar