Deportes Vigo al minuto

Os equipos de xadrez da Universidade, campións de Liga

O equipo de xadrez absoluto da Universidade de Vigo.
O equipo de xadrez absoluto da Universidade de Vigo.

Fronte ao Karpov A, o Universidade de Vigo de xadrez demostrou porque é por terceiro ano consecutivo campión da Liga Galega de Xadrez ao imporse por 4-2. A competición regular remata así cos vigueses líderes con 11 puntos de vantaxe sobre o segundo clasificado, o Marcote A, actual subcampión de España. En total, 44 vitorias, 14 empates e 8 derrotas cunha media de 4,63 puntos por encontro son “números de infarto” dun equipo no que o seu propio capitán, Pablo García, é o que máis tantos anotou.

Neste encontro, que xa comezaron sabéndose gañadores matematicamente independentemente do resultado, o marcador final reflectiu a superioridade dos universitarios ante o quinto clasificado da xeral. Impuxéronse nas súas táboas Avelino Leirós, Pablo González, Daniel Rivera e Pablo García e perderon Rafael Rodríguez e Alberto Estévez.

Agora o equipo pensa xa na Final a Catro que deberán desputar a partir do 24 de abril e da que sairá o Club Campión de Galicia. A vindeira fin de semana, nas semifinais, o Universidade medirase ao Círculo das Artes de Lugo, mentres que o Marcote, segundo clasificado, enfrontarase ao Circulo Ferrolá de Xadrez. A final, entre os dous equipos que se clasifiquen deste choque será o 8 de maio. Para este sábado ante os lugueses a entrada é aberta a partir das 17 horas na sala de xadrez do Edificio de Deportes.

Campión tamén o equipo de Primeira División

Os rapaces do Universidade de Vigo-Xadrez Galego tamén remataron a liga esta fin de semana e tamén o fixeron como líderes da Primeira División Galega. Desta volta, o campionato decidiuse nesta derradeira xornada na que os vigueses se mediron ao Liceo Ourense, ao que se impuxeron por 2.5 a 1.5 con vitorias de Daniel Vila e Brais Otero, empate de Samuel Villar e derrota de Ricardo Baldwin. O equipo escolar fixo unha tempada moi destacada cun total de oito vitorias, dous empates e unha derrota, aínda que a presenza do equipo absoluto na Liga Galega lles impide o ascenso. Agora, a plantel do Universidade de Vigo-Xadrez Galego está, unha vez rematada a competición, a disposición do capitán do primeiro equipo para a Final a Catro, xa que moitos deles xa teñen debutado co primeiro equipo ao longo do ano.

También te puede interesar