Cultura Destacados

O xacemento do Castro é de sobresaínte

Dous meses e medio coas súas portas abertas e xa case 10.000 visitantes, unha cifra difícil de acadar tendo en conta o mal tempo que fixo e que se trata de instalacións ao aire libre. A persoa que faga chegar ao Castro aeste número tan redondo será agasallada cun libro e con diferente material sobre Vigo. O xacemento recibe unha media de 165 persoas diarias que danlle unha nota media de preto de 9.

O xacemento despertou un gran interese entre a poboación viguesa,  que representa o 70% das visitas, o que implica que o 30% das persoas que se achegan ao poboado do Castro son de fóra de Vigo, polo que se está a converter nun máis dos atractivos turísticos da cidade. Despois dos vigueses o maior número de afluencia de público é do resto da provincia, mentres que os que veñen do resto de Galicia e do resto de España está moi parello. Ademais, por O Castro pasou xente de Alemaña, Italia, Inglaterra, Arxentina, Brasil e Colombia.

A área escavada, da que na actualidade se poden ver máis de 20 restos de edificación, é unha pequena parte do castro que ocuparía boa parte do monte sobre o que se asenta. Segundo os datos dispoñibles, foi habitado entre o século I a.C. e o século III d.C.momento no que os habitantes comezaron a trasladarse a un novo poboamento que xurde á beira do mar. Idea da extensión orixinal do asentamento a dá a cartelería instalada fóra do recinto pechado, entre a que destacan as siluetas dos castrexos.

O xacemento xestionarase como unha sala máis do museo Quiñones de León e poderá visitarse desde mañá de 10 a 14 e de 16 a 18 horas en inverno e de 10 a 13 e de 17 a 20 horas en verán. A visita poderá ser libre ou guiada polo persoal que atende o xacemento concertando a visita chamando ao 986 295 070.

También te puede interesar