Destacados Vigo al minuto

A Cidade Universitaria, na vangarda arquitectónica segundo o Phaidon

Entre os mellores edificios do mundo. Cidade Universitaria do campus vigués estase a facer un oco que lle permite ser recoñecida tanto no mundo da arquitectura como entre os interesados neste campo artístico. O último recoñecemento para a obra de Miralles e Tagliabue vén da man do ‘Atlas Phaidon de arquitectura mundial del siglo XXI’, que a inclúe entre 1.037 edificios, 653 arquitectos e 89 países recollidos en 800 páxinas.

O Edificio Miralles e toda a Cidade Universitaria ocupan a páxina 368 desta publicación, a única fonte documental destas características publicada ata o momento. O atlas recolle unha sección do Edificio Miralles e catro fotografías (do complexo Cidade Universitaria, da Praza Miralles, do interior do Edificio Miralles e unha vista xeral dende a pasarela que leva á Biblioteca Universitaria). O texto que acompaña describe o campus como promotor da vida social entre os membros da comunidade e “o deseño dos edificios ofrece unha relación visual coa paisaxe circundante, favorecendo a concentración e o estudo.

Explica así o feito de que o campus de Vigo se afaste dos modelos tradicionais adecuándose e adaptándose ás características do terreo. “Como parte da estratexia de deseño, as diferentes construcións cumpren unha función determinada e foron distribuídas en forma de gradas e espazos públicos abertos nunha contorna dinámica e variada”. Sobre as edificación obra de Enric Miralles e Benedetta Tagliabue a publicación internacional destaca que son “únicos en termos de sistemas arquitectónicos, materiais e expresión formal”.

O atlas céntrase en proxectos arquitectónicos extraordinarios construídos por todo o mundo dende o ano 2000 e que inclúe dende vivendas ata museos, centros de exposicións e congresos ou grandes infraestruturas como aeroportos ou estadio deportivos. Xunto coa arquitectura da Universidade de Vigo, o libro tamén recoñece en Galicia a calidade e orixinalidade de dous edificios de Caixa Galicia, o Centro de Estudos Musicais na Coruña e a Fundación Caixa Galicia. E, entre os edificios nacionais, aparece a Torre Agba de Barcelona ou a T4 de Barajas, en Madrid, entre outros.

También te puede interesar