Galicia

Un milleiro de persoas en situación de exclusión poderán beneficiarse das axudas da Xunta para a integración laboral

TrabajandoA Consellería de Traballo e Benestar estima que preto dun millar de persoas en risco de exclusión social poderán beneficiarse este ano das axudas que a Xunta concederá ás entidades de iniciativa social para que poñan en marcha programas que contribúan a fomentar a inclusión social e a integración no mercado de traballo deste colectivo.

As entidades que queiran forman parte deste programa de subvencións terán de prazo ata o próximo 16 de abril para presentar as súas solicitudes. Un dos requisitos é estar inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, así como presentar un proxecto elixible de acordo co obxecto desta Orde, que se enmarca no II Plan Galego de Inclusión Social.

Son cinco os tipos de programas que subvenciona a orde da Consellería de Traballo e Benestar, que en 2010 conta cunha contía de 757.000 euros.

En primeiro lugar, a liña de axudas vai destinada a aquelas entidades que desenvolvan actuacións que permitan a adquisición de habilidades sociais e hábitos prelaborais para dinamizar as capacidades e recursos sociais das persoas en risco de exclusión social. Destacan neste caso, por exemplo, programas enfocados a realizar técnicas de busca de emprego.

 

En segundo lugar, a orde de Traballo e Benestar tamén vai dirixida ao desenvolvemento de actuacións de formación básica e de tipo laboral que estean adaptadas ás necesidades dos colectivos en situación de exclusión co obxectivo de mellorar a súa cualificación socioprofesional.

Na liña de axudas tamén se inclúen programas integrais en zonas rurais que favorezan a inclusión social e laboral de mozos e mozas, mulleres e outros colectivos con dificultades de inserción e aqueles que se leven a cabo en barrios urbanos e que desenvolvan accións preventivas, de intervención, seguimento e titorización para mozos e mozas en situación de exclusión social.

 

Por último, a través destas axudas da Administración autonómica, as entidades sociais tamén poderán realizar actuacións de acompañamento social que consistirán na posta a disposición dos usuarios de servizos de apoio persoal e/ou familiar que faciliten o axeitado desenvolvemento de itinerarios de inserción socio laboral.

A tipoloxía das entidades que a Xunta subvenciona a través desta orde é amplía. Así, predominan agrupacións especializadas en determinados colectivos sociais como son os que traballan con persoas con discapacidade, inmigrantes, poboación xitana ou drogodependentes, así como centros sociais e de desenvolvemento rural.

As accións que as entidades realizan poden ser independentes, como cursos de formación ocupacional, ou integradas en proxectos que comprenden itinerarios personalizados de inserción.

 

 

También te puede interesar