Dende o mellor da música clásica ata os sons de vangarda, pasando polo maior espectáculo de circo do mundo, teatro ou exposicións. Estas son as propostas de Xacobeo 2010 ofrecerá para o mes de abril na súa variada programación, dirixida a todo os públicos e que chega a toda a xeografía galega. En total, desenvolveranse 210 eventos, nos dez camiños da programación do Xacobeo 2010, que continuará co ciclo Xacobeo Classics, ademais de celebrarse destacadas actuacións musicais como a da mezzosoprano Cecilia Bartoli, Los Secretos, Marlango ou Raphael. Asemade, os escenarios vibrarán cos espectáculos do musical Febre do sábado noite e do esperado Cirque du Soleil e os máis pequenos poderán gozar co ciclo de cinema Animaladas e o V Festival de Folclore Xuvenil Queixume dos Pinos.
Os primeiros días de mes, ata o 3, acollerán a recta final do Festival de Músicas Contemplativas en Santiago de Compostela, que recolle os sons máis evocadores. Pola súa banda, continúa, tamén, o ciclo de música feita en Galicia Xacobeo Raíces que ofrecerá os concertos de VL&R e Malvela, o vindeiro 3 de abril no Auditorio Municipal de Ourense; ademais das actuacións de Susana Seivane en Vigo o 9 de abril e acompañada por Quempallou o 24 en Lugo, o 10 actuarán Cristina Pato e Mutenroi en Ferrol e Brath e María do Ceo farano en Vilalba o 17.
Ese mesmo día dará comezo o Festival do Norte, a cita do pop-rock independente de Galicia que se celebra en Vilagarcía de Arousa. Do 30 de abril ao 1 de maio, sucederanse as actuacións de formacións como Nada Surf, Pete and the Pirates, JJ, We are Standard, La bien querida, Nudozurdo, Emilio José e DJ Polar. Considerado un dos mellores de España polas revistas musicais máis prestixiosas, como Rockdeluxou Go Mag.
Con todas as localidades que saíran á venda esgotadas,chega a Santiago o maior espectáculo do mundo, o que ofrecerá o Cirque du Soleil do 21 ao 25 de abril, dentro do Camiño das Artes Escénicas. Representará o espectáculo Saltimbanco, do italiano “saltare in banco” que significa literalmente “saltar nun banco”, no que farán unha exhibición de acrobacias e maxia. O Cirque du Soleil invita ao espectador a acompañalo a un mundo onírico, unha peculiar cidade imaxinaria, da man dun elenco de personaxes composto por 95 artistas de 20 nacionalidades distintas, nunha viaxe alegórica e acrobática posible grazas aos 140 profesionais do equipo de produción, a 180 toneladas de equipos e 1.200 pezas de vestiario, que conforman o equipo de Saltimbanco, dirixido por Franco Dragone. Fundado en 1984 en Canadá por dous artistas da rúa, o espectáculo do Cirque du Soleil mergulla á audiencia nunha sucesión de música en vivo, tramoias e acrobacias. Saltimbanco percorre os escenarios de todo o mundo desde 1992 e xa conta con 5.000 representacións ás súas costas e máis de 10 millóns de espectadores.
Outra das citas destacadas é a Mostra de Teatro Especial Galicia 2010, organizada pola Fundación Ánade, e que se celebrará no Auditorio Gustavo Freire de Lugo dende o 5 de abril. O obxectivo é proporcionar un espazo para que compañías e grupos de teatro de persoas con discapacidade poidan chegar ao público coas súas propostas escénicas, tendo como valor fundamental o feito de que o teatro é un bo camiño para a inserción social e laboral para este colectivo. En paralelo, desenvolverase un obradoiro formativo e de balde.
Dentro do Camiño Contemporáneo iniciará a súa andaina a exposición itinerante En Camiño, un relato visual e poético da peregrinación a Compostela en terras galegas. Composta por un vídeo documento e unha serie de fotografías sobre a peregrinación xacobea nas rutas galegas, en especial o Camiño Francés e a súa prolongación cara Fisterra. Compleméntase con imaxes de Compostela, ademais dun vídeo protagonizado por peregrinos procedentes de Alemaña, Francia, Inglaterra, Australia, América Latina e diferentes comunidades autónomas de España, onde relatan a súa experiencia mentres camiñaban por distintas paraxes do Camiño francés.
Dentro das actividades que Xacobeo ten preparadas para os máis pequenos no Camiño Infantil, este mes pasarano en grande tomando parte do V Festival de Folclore Xuvenil Queixumes dos Pinos, que animará coa música e as súas danzas tradicionais a cidade de Ourense, Barbadás, Nogueira de Ramuín e A Peroxa do 26 de abril ao 2 de maio.
Grupos de Rusia, Italia, Serbia, Bulgaria, Lituania, Portugal e Romanía, únense na festa ás formacións de escolas e grupos de toda Galicia e España, así como pola propia asociación. Ademais do baile, que se desenvolverá nun grande escenario, haberá postos de ocio, atraccións infantís, expositores con alimentos característicos galegos e todo o necesario para gozar do evento. Culminará co espectacular desfile dos farois Pola tolerancia entre os pobos no que todas as compañías internacionais escenificarán a súa unión a través da danza.
