Galicia

Traballo aproba un orzamento de 24,6 millóns de euros para a contratación de 1.400 desempregados

servizo galego de empregoO Diario Oficial de Galicia publica mañá a orde da Consellería de Traballo e Benestar dirixida á cooperación coas institucións galegas distintas da local, que subvencionará a contratación de ao redor de 1.400 persoas ao longo deste ano (1.200 desempregados e 200 axentes de emprego) a través dun investimento de 24,6 millóns de euros.

Esta orde, aprobada no Consello da Xunta do pasado 11 de marzo, ten como obxectivo regular as axudas e subvencións para o fomento do emprego, a través dos programas de cooperación cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro.

A previsión é que neste exercicio sexan preto de 400 as entidades que se verán beneficiadas por esta iniciativa, a maior parte delas de carácter social.

Os beneficiarios realizarán labores de obras ou servizos de interese xeral e social, mentres que os axentes de emprego colaborarán na implantación de políticas activas de emprego e desenvolverán funcións relacionadas coa dinamización e coa creación de actividade empresarial.

En concreto, nesta edición primarase, no caso da contratación de desempregados, os servizos de carácter social, relacionados coas persoas con discapacidade, os maiores, a infancia, a familia e as persoas en risco de exclusión social; sen esquecer os de carácter empresarial, cultural, deportivo, de tempo libre e para a xuventude.

O obxectivo desta orde é mellorar a empregabilidade dos seus beneficiarios a través dun contrato laboral, proporcionándolles a experiencia e práctica profesional necesaria para facilitar a súa posterior inserción laboral. De feito, nesta convocatoria porase especial énfase, no que se refire aos criterios de selección, en primar aqueles proxectos que acrediten un maior nivel de inserción laboral.

Ademais do fomento da empregabilidade, esta iniciativa serve tamén para favorecer o desenvolvemento de zonas máis deprimidas, e para prestar atención a colectivos específicos con especiais dificultades de inserción, tales como mulleres, menores de 30 anos, persoas con discapacidade, parados de longa duración, maiores de 45 anos ou persoas en risco de exclusión social.

Os traballadores e traballadoras a contratar deberán ser persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia que estean dispoñibles para o emprego, agás no caso dos axentes de emprego, que unicamente deberán figurar como demandantes de emprego, sen que deban ser necesariamente desempregados.

Nesta orde inclúense tamén os axentes de emprego subvencionados ás tres universidades galegas para formar parte dos “Servizos de apoio ao emprendemento e ao emprego” (SAEE), que perseguen que os estudantes contemplen o emprendemento como unha alternativa desde o inicio da súa vida activa.

También te puede interesar