Galicia

Os escolares galegos estarán informatizados antes de que remate o ano 2013

PCMáis de 700 aulas de 5º de Primaria e 1º da ESO disporán de 15.000 ordenadores ultraportátiles para cada alumno ou alumna o vindeiro curso 2010/2011 a través do Proxecto ABALAR.

A Consellería de Educación abrirá nos próximos días a contratación da subministración destes netbooks, a través dun procedemento aberto, público e transparente. Ademais da subministración dos ultraportátiles, a empresa adxudicataria prestará un servizo técnico de soporte durante un mínimo de tres anos para todo o equipamento contratado, que inclúe a reposición de pezas, entre elas as baterías.

Os ordenadores serán utilizados, nesta primeira fase, nos centros escolares. Aínda así, a Consellería de Educación abre a posibilidade a que, segundo se vaia desenvolvendo o proxecto, os rapaces leven os portátiles á casa, sempre como continuidade da actividade educativa.

Características técnicas

A Xunta de Galicia acordará a contratación mediante a aplicación de diferentes criterios, entre os que destacan a robustez, a seguridade e a ergonomía dos equipos. Así mesmo, os ultraportátiles serán sometidos a probas de laboratorio, para comprobar a duración da batería, a interacción coas redes WIFI ou impresoras, ou as medicións de luminancia.

No tocante aos requerimentos técnicos, todos os netbooks deberán ter, como mínimo, 1024 MB de memoria RAM, e 120GB de disco duro; tarxeta de son, tarxeta de rede e de rede sen fíos. As pantallas serán de tipo TFT, de dez polgadas; e as baterías, de tecnoloxía Litio-ión, manterán unha autonomía de polo menos 300 minutos.

Con respecto ao software, os ordenadores deberán ser subministrado polo menos co sistema operativo GNU/Linux, lector de arquivos en formato PDF, compresor e descompresor de arquivo en formato ZIP, antivirus, navegador de Internet de última xeración con soporte Java integrado, e un paquete ofimático básico –procesador de textos, folla de cálculo, etc-. Ademais, a empresa facilitará a configuración deste software aos usuarios finais nunha chave USB, de xeito que sexa posible rexenerar completamente o sistema se así fose necesario.

Un proxecto que mira ao futuro

En 2013, todas as aulas de 5º, 6º de Primaria e 1º e 2º da ESO deberán estar dotados destes recursos, un período durante o cal está previsto que se beneficien da modernización do ensino 87.000 alumnos de 1.000 centros educativos. Con posterioridade continuarase estendendo ao resto de niveis educativos, ao ritmo que se estableza segundo a dispoñibilidade orzamentaria e os resultados acadados.

Para este Proxecto ABALAR, a Consellería de Educación contou cos recursos do Ministerio do ramo, que aporta arredor dun 33% do presuposto, con 4,3 millóns de euros a través do ‘Escuela 2.0’, destinados a adquirir o equipamento informático de alumnado e aulas. Pola súa parte, a Xunta de Galicia vai poñer o resto, ata superar os 12 millóns de euros. Un gasto repartido entre equipamento e accións de formación para a comunidade educativa, polo que en 2013 arredor de 15.000 docentes terán recibido formación específica para o uso das TIC na súa práctica diaria.

Ademais, para facilitar a integración de todos os axentes da comunidade educativa no sistema educativo, vaise poñer en marcha un portal web, ‘EspazoABALAR’, a través do que as familias poderán seguir a evolución académica dos seus fillos, ao tempo que vai dotar ao profesorado de recursos que os motivarán máis no seu quefacer diario e cos que gozarán dunha autonomía nas aulas, da que ata o de agora carecían.

You may also like