RGPD - Cookies
Galicia Tendencias

O que está de moda é ser turista de artesanía

A tecelá Anna Champeney e o cesteiro Lluis Grau ofrecen unha modalidade de turismo moi pouco habitual en Galicia. Dende a cerna da Ribeira Sacra ourensá, na parroquia de Cristosende, combinan a actividade artesá no seu obradoiro coa xestión dunha pequena casa rural na que a estancia pode ir acompañada dun breve curso de formación relacionado con algunha destas dúas artesanías.

Moi habitual en zonas coma no Reino Unido, no que a xente escapa a fin de semana para adicarse a actividades creativas, a Casa dos artesáns é unha iniciativa pioneira en Galicia que quere fomentar un turismo creativo baseado na artesanía, un xeito de relaxarse, de conectar coa natureza e a cultura.

Todo xurde no ano 2000, cando esta parella se instala na Ribeira Sacra, onde atoparon unha grande tradición relacionada coa cestería e o tecido artesanal, aínda que en decadencia posto que xa non quedaban practicamente artesáns en activo. Dende ese momento, combinan o traballo nos seus obradoiros cunha tarefa de investigación e de recuperación das técnicas de elaboración artesanal tradicionais de Galicia.

O resultado son unha serie de artigos, publicados en revistas especializadas, unha colección de pezas antigas, un arquivo fotográfico de tecidos antigos, ademais da posta en marcha dunha serie de pezas inspiradas na tradición e de réplicas de calidade.

Benvidos á casa

Tanto o obradoiro textil como a Casa dos Artesáns gozan do distintivo de Calidade Turística. A casa alúgase completa e permite acoller entre 4 e 5 persoas, nunha vivenda restaurada ateigada de pezas de artesanía, ademais de pór a disposición dos visitantes información e guías doutros artesáns da zona.

Casa dos Artesáns está aberta durante todo o ano e está pensada para persoas que busquen un lugar para se relaxar en contacto coa paisaxe daRibeira Sacra, ao pé dos Canóns do Sil, co amplo patrimonio arquitectónico, encabezado polos grandes mosteiros da zona, co viño ou coa artesanía, a través da visita de obradoiros. Pero o máis innovador que ofrece a casa é a posibilidade de realizar un turismo activo e creativo a través da súa oferta formativa.

Os hóspedes da Casa dos Artesáns gozan dun programa de cursos e de actividades opcionais que inclúen a introdución ao tecido, a técnica da felpa galega (tecido tradicional con bucles), a cestería e os tinguidos naturais, que duran como mínimo un día. Ao mesmo tempo, ofrécense charlas ilustradas sobre a artesanía galega, de 1 hora de duración, impartidas polos artesáns e baseadas nas súas propias investigacións sobre«Artesanía tradicional de Galicia» ou «O tecido tradicional de Galicia». Tamén se ofrece unha visita guiada para descubrir os secretos das tinguiduras naturais, do tecido ou da cestería nunha visita dunha hora que inclúe unha demostración de artesanía en vivo e a admisión á área de traballo do obradoiro téxtil.

Para os que non se poidan aloxar na Casa dos Artesáns, ofrécense visitas guiadas de 1 hora con cita previa durante a través da colección de pezas antigas, que inclúen cestos típicos vinculados co viño da Ribeira Sacra, un tear centenario e algunhas colchas antigas, que explican o importante papel destes oficios no pasado.

También te puede interesar