Vigo al minuto

A comisaria Damanaki, visita Vigo para coñecer a realidade da pesca en Galicia

 

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e a comisaria europea de Asuntos Marítimos e Pesca, María Damanaki, mantiveron hoxe un encontro en Vigo no transcurso da visita que a responsable do eido marítimo- pesqueiro europeo está desenvolvendo a Galicia ao longo da xornada de hoxe e que rematará mañá. Este encontro do presidente da Xunta e a comisaria europea foi seguido dun xantar de traballo ao que asistiron tamén o Director General de Mare da Unión Europea, Fokion Fotiadis, e a Conselleira do Mar, Rosa Quintana, así como o Secretario General do Mar do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, Juan Carlos Martín Fragueiro.
Núñez Feijoo destacou no inicio deste encontro a honra e a importancia que esta visita ten para Galicia e para o seu sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola, e agradeceu á comisaria a súa viaxe a Vigo e a súa disposición para comprobar e coñecer sobre o terreo a actividade marítimo-pesqueira galega. Así, o presidente da Xunta apuntou á potencia do sector pesqueiro e da cadea mar-industria existente en Galicia e á relación de proveito mutuo que a nosa comunidade e a Unión Europea veñen desenvolvendo nos últimos anos

Inquedanzas e propostas de Galicia

A xuntanza serviu para que o máximo responsable da Xunta trasladase a María Damanaki os principais temas, inquedanzas e demandas que, no seo das competencias europeas en materia marítima, formulou o sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola galego. Neste senso, Núñez Feijoo sinaloulle á comisaria europea aspectos de preocupación no sector marisqueiro e mitilicultor, coma o dos cambios de método analítico e niveis na detección de biotoxinas nos moluscos bivalvos ou na proposta galega de dispor dunha moratoria na comercialización de productos mariños extraídos en zonas catalogadas como “C” baseándose na capacidade que Galicia ten para depurar os moluscos destas áreas productivas.

Núñez Feijoo tamén destacou a importancia de recoñecer a valía e o papel fundamental que a baixura ten na fixación de poboación nas zonas costeiras e no desenvolvemento dunha pesca sostible. Ademais, fixo fincapé na concordancia con Europa no trazado dunha liña de futuro para a acuicultura, sinalando a proposta da Xunta de traballar por asegurar unha actividade acuícola económica, social e ambientalmente aceptables e sostibles.

O presidente da Xunta non desaproveitou a oportunidade de trasladarlle á comisaria europea a preocupación que causa no sector pesqueiro e na sociedade galega a inseguridade existente na zona marítima do Índico occidental, onde a flota atuneira e espadeira desenvolven a súa actividade coa ameaza da acción dos piratas e das súas consecuencias. Feijóo tamén destacou a importancia de loitar en común contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, así como de esixir aos productos pesqueiros procedentes de terceiros países as mesmas condicións hixiénico-sanitarias que rexen para os comunitarios garantindo a seguridade alimentaria e evitando o dumping social, económico e laboral que producen flotas de países con regras pesqueiras e laborais máis laxas.

Política Pesqueira Común

Tralo encontro, a Conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañará á comisaria na súa visita a Galicia para facerlle entrega do documento que recolle a proposta de Galicia sobre a Política Pesqueira Común. No encontro celebrado no Centro Tecnolóxico do Mar, Rosa Quintana salientará que “Galicia ten moito que aportar e recibir de Europa” e trasladará á comisaria “a contribución que o Goberno de Galicia aporta á PPC como froito dun traballo consensuado e aprobado polo Consello Galego de Pesca”.

A responsable do departamento autonómico de Mar destaca que o proceso de redacción do documento comezou co convencemento “da nosa valía e da importancia de participar neste proceso que decidirá o futuro pesqueiro de Europa respondendo a unha demanda en tanto que somos a primeira potencia marítimo-pesqueira de Europa e somos uns europeístas convencidos”.

Tras este encontro, a conselleira Quintana acompañará a María Damanaki na súa visita á Cooperativa de Armadores de Vigo para coñecer o labor da asociación. Despois da vista a ARVI, a conselleira e a responsable de pesca da UE trasladáronse a unha depuradora e realizarán un percorrido polas súas instalacións para comprobar o proceso de depuración galego.

 

You may also like