Galicia

Os teléfonos móbiles tamén poden axudar a protexer os ecosistemas africanos

M. del Río/ Fálase da auga como motivo de futuras grandes guerras no mundo pola súa cada vez máis preocupante escaseza. Pero na actualidade detrás de importantes conflitos bélicos está o control do petróleo, das minas de diamante e doutros minerais escasos e, en consecuencia, valiosos coma o coltán. Este último é demandado para a fabricación de teléfonos móbiles, ordenadores e videoconsolas, así como para a industria armamentística e boa parte das súas reservas mundiais están na selva da República Democrática do Congo.

Neste zona sucédense conflitos bélicos, situacións de escravitudes, millóns de mortos e desprazados e a constante matanza de gorilas, chimpancés e outras especies. Semella un conflito afastado de nós e unha causa polo que pouco podemos facer, pero a Oficina de Medio Ambiente da Universidade, implicouse nunha campaña promovida polo Instituto Jane Goodall para a recollida de móbiles en desuso, co obxectivo de reciclar e reutilizar, reducindo a crecente demanda dos seus compoñentes, entre eles o coltán. Tan só en España están rexistrados 54 millóns de liñas de telefonía móbil, o que implica unha media de máis dunha liña por persoa, e ao que hai que engadir aqueles móbiles en desuso que todos temos e que son o obxectivo desta campaña solidaria.

Baixo o lema Mobilízate pola selva‘, a OMA desenvolve unha campaña de recollida de teléfonos situando nos tres campus da Universidade colectores específicos nos que a comunidade universitaria poderá depositar móbiles, inpendentemente de que funcionen ou non, xa que o obxectivo é a reciclaxe de pezas. Coa súa doazón colabórase cos programas de conservación levados a cabo no Congo polo Instituto Jane Goodall, como campañas de educación, plantacións, proxectos de desenvolvemento sostible e o mantemento do Centro de rescate de chimpancés de Thimpounga.

Os colectores estará ata finais de xullo na Facultade de Belas Artes no campus de Pontevedra, que despois se trasladará á EU de Enxeñaría Técnica Forestal, outro na Facultade de Ciencias de Ourense e un terceiro itinerante por todos os centros do campus de Vigo.

También te puede interesar