Deportes Vigo al minuto

Galicia terá que repartir en Hamburgo

A convocada Andrea Rica.
A convocada Andrea Rica.

Ata 8 taekwondistas galegos estarán presentes este fin de semana no Open de Alemaña que se celebra en Hamburgo. Á convocatoria de 7 deportistas de Galicia (da que quedou fóra a última hora Raúl Bouzas por lesión), a Federación galega sumará pola súa conta a dous competidores máis ante a falta de resposta da Federación Española a unha reclamación presentada para incluír a Fernando Rascado e Juan Fernández polos seus méritos deportivos.

O Open de Alemaña é unha das probas máis destacadas do calendario internacional ao ser clasificatorio para o ranking do Campionato de Europa, que se disputará entre o 12 e o 14 de maio en San Petesburgo. Por este motivo a Federación galega quere que estén presentes na competición alemana.

Por outro lado, durante estos días celebrouse o clasificatorio para os Xogos Olímpicos da Xuventude, que se celebrarán por primeira vez este verán en Singapur. Accedía a esta fase clasificatoria o galego Francisco Padín, do Olimpic de Vilagarcía, na categoría de 63 quilogramos, pero non tivo sorte nas eliminatorias e caeu nun apertado combate fronte ao representante de Costa de Marfil, Georges, no cuarto asalto e no  punto de ouro.

Convocados

A Federación Española convocou na categoría feminina a Rebeca Mariño (do Natural Riveira e actual campioa de España en menos de 53 quilogramos), Nazaret Tilve (Do Yang, subcampioa de España, -53 quilogramos), Andrea Rica (Tao, campioa de España, -57 quilogramos, que é peso olímpico, e medalla de bronce no último Mundial), Fani Hernández (Natural Riveira, vixente campioa de España en -63, campioa da Universiada de Belgrado), Lúa Piñeiro Devesa (Olimpic Vilagarcía, -63, que tamén é peso olímpico, vixente campioa de España). Todas as deportistas galegas adestran no Centro Galego de Tecnificación Deportiva a excepción de Andrea e Nazaret que están no CAR de Barcelona. Ademais, Andrea Rica e Fani Hernández son as únicas convocadas na súa categoría, polo que inicialmente xa estarían clasificadas para o Europeo.

Na categoría masculina, os convocados para ir son José Fernández (Natural de Sada, -68 quilogramos), chamado a pesares de non poder participar no Campionato de España por culpa dunha lesión. Mentres, Fernando Rascado, en -80 quilogramos, que é peso olímpico, foi campión de España no ano 2009 e subcampión no 2010, conseguindo empatar co canario Nicolás García, vixente subcampión do Mundo absoluto. Pola súa parte, Juan Fernández, foi subcampión de España no 2009 e actualmente é o campión de España do presente ano.

You may also like