Cultura Destacados

Dietas e produtos milagre poñen en risco cada día a nosa saúde

O nutricionista Xabier Castro.
O nutricionista Xabier Castro.

Con nomes tan comúns coma dieta da alcachofa ou outros tan pintorescos como dieta do bo humor, día a día chegan aos nosos oídos novas dietas milagre, seguidas por moita xente que as ve publicadas en revistas de tirada nacional, internet, televisión… “todo un engano que pode resultar moi perxudicial para a saúde de quen desexa perder peso”. Así o puso de manifesto Xabier Castro, coordinador da Unidade Exercicio e Saúde do Hospital Santa Teresa da Coruña, que pechou en Vigo as Xornadas de Actividade Física e Mulleres.

Pero as dietas milagre non só o único perigo: hoxe en día atópanse á venta centos de fórmulas como cremas, infusións e píldoras que prometen a redución de peso de forma doada e rápida, “sen esforzo”, e “canto máis esaxerados son os milagres que prometen, maiores acostuman a ser as consecuencias negativas para a saúde”. As pílulas ‘XLS’ para adelgazar anunciadas por un coñecida cantante; ‘Allí’, vendido como o primeiro fármaco sen receita para adelgazar ou a L-carnitina, habitual entre a xente que acode aos ximnasios “son substancias que afectan á nosa saúde e que sempre teñen efectos secundarios”.

Adeus aos tópicos

No mundo das dietas hai moitos mitos falsos, o primeiro que os hidratos de carbono engordan, cando son “a principal fonte de enerxía para o organismo” e deben representar entre o 50 e o 60% da enerxía total diaria. O segundo, que a auga tomada na comida engorda: “ a auga non ten calorías e ten efecto saciante, o único é que si se inxire en gran cantidade, a dixestión realízase máis lentamente como consecuencia dunha dilución dos mollos gástricos”.

O terceiro mito que quixo tirar por terra Castro foi que a froita engorda tras as comidas cando a única diferenza é que se se toma antes produce saciedade pola súa achega de fibra, evitando unha inxesta excesiva posterior. Así ata 14 falsos mitos que o nutricionista se encargou de ir desmitificando un por un: que os alimentos light adelgazan; que os hidratos de carbono e as proteínas non poden tomarse xuntos na mesma comida; que o aceite de oliva non engorda; que o exceso de peso débese á retención de moitos líquidos ou residuos; de que as froitas máis doces coma o plátano ou as uvas engordan

Estas dietas miragre poden clasificarse polos macronutrintes que inclúen aínda que todas teñen un factor común: carencias nutritivas con repercusións máis ou menos graves para a saúde. Nas dietas hipoenerxéticas, aquelas cunha achega de menos de 1200 kcal/día, poden atoparse algunhas tan coñecidas coma a da alcachofa, a do espárrago, a do chocolate, a dos zumes…

Moi famosas tamén son as ricas en proteínas e pobres en carbohidratos, que prometen resultados rápidos só si se come carne, touciño, ovos ou outros alimentos proteicos e graxas, suprimindo ou limitando ao máximo alimentos ricos en hidratos de carbono coma os cereais e os seus derivados, patacas, verduras, hortalizas e froitas. “Este tipo de dietas pode producir descalcificación ósea e danos renais por exceso de nitróxeno, así como fatiga e mareos por falta de hidratos de carbono, xa que a glicosa, o substrato deficiente nestas dietas, é a principal fonte de enerxía para o organismo”, subliñou o nutricionista.

No caso das dietas ricas en hidratos de carbono (da piña, do arroz integral…), segundo o seu período de aplicación, “hai un elevado risco de carencia de ácidos graxos esenciais, vitaminas e proteínas, ademais de que é frecuente que provoquen trastornos intestinais como diarreas, cólicos abdominais e flatulencia”. E as monodietas nas que se fomenta o consumo dun alimento concreto (do xeado, da cenoria, do espárrago…) son “aburridas, nada atraentes, ademais de moi desiquilibradas”.

También te puede interesar