Galicia Sin sección

Alumnos do Bierzo perfeccionarán o seu galego en Galicia

Bierzo_SanabriaPreto de cen alumnos do Bierzo participarán nun programa de estadía en Galicia para complementar a súa aprendizaxe da lingua galega. A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de organizar unha reunión con profesores da comarca leonesa para ultimar o desenvolvemento desta actividade, que se enmarca dentro do programa de ensino de galego que este departamento ten en marcha nas comarcas do Bierzo e de Sanabria.

A través desta iniciativa, que terá lugar o vindeiro mes de abril, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo dálle un novo impulso á promoción do galego nos territorios limítrofes con Castela e León en que se fala a lingua propia de Galicia.

Na actualidade, preto de 1.100 persoas xa aprenden galego grazas á colaboración entre a Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León, das cales 1.031 son estudantes de centros de primaria e secundaria. As 65 persoas restantes estudan lingua galega na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada.

  • A colaboración entre Galicia e Castela e León para fomentar a lingua galega

A cooperación entre as dúas comunidades en materia lingüística comezou no ano 2001 e foi ampliada en 2006 coa sinatura do Protocolo Xeral de Colaboración entre o departamento que dirixe Anxo Lorenzo e a Junta de Castilla y León. Ademais, o pasado mes de xaneiro, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da Junta de Castilla y León, Juan Vicente Herrera, asinaron un Protocolo Xeral de Colaboración que abriu unha nova etapa de cooperación entre as dúas comunidades. O documento, ademais de incluír cuestións de interese común como a educación, as infraestruturas, a sanidade ou o Xacobeo, ratifica o Protocolo Xeral de Colaboración vixente para a promoción do galego nos territorios de Castela e León en que se fala galego.

  • O galego estremeiro

Malia que o galego é a lingua propia de Galicia, o seu uso esténdese máis alá  das fronteiras administrativas da comunidade autónoma. Coa denominación de “galego estremeiro” faise referencia ao galego falado históricamente en territorios da antiga Gallaecia, entre os que se atopan provincias que hoxe non pertencen á comunidade galega.

Na actualidade, Aranga, Barxas, Benuza, Borrés, Cacabelos, Camponaraya, Candín, Carracedelo, Carucedo, Corullón, Fabeiro, Oencia, Peranzais, Ponte de Domingos Flórez, Ponferrada, Priaranza, Sobrado, Sobradelo, Toural dos Vados, Trabadelo, Valboa, Veiga de Espiñareda, Veiga de Valcarce, Viladecais, Vilafranca do Bierzo, As Pías, Lubián, Hermisende e Peñalba de la Pradería son os concellos de Castela e León nos que se conserva a lingua galega.

You may also like