Galicia

Aberto o prazo para participar nas ‘Aulas da Natureza’ en Torrelavega

Máis de 75 rapaces e rapazas galegos poderán participar este verán no programa de integración ‘Aulas da Natureza 2010’, promovido pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración co Ministerio de Educación.

Os estudantes beneficiados polas axudas para participar nesta iniciativa, cuxa convocatoria vén de ser publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG), poderán gozar desta experiencia durante doce días no centro de programas educativos de Viérnoles, na localidade cántabra de Torrelavega. Durante a súa estancia no centro, os alumnos e alumnas desenvolverán actividades formativas, culturais e deportivas, e de integración no medio escolar. O obxectivo de ‘Aulas da Natureza’ é promover a convivencia dos participantes con outros estudantes de distintas zonas e culturas; así como a integración do alumnado con necesidades específicas de apoio.

Criterios de selección

Os candidatos a obter as axudas deberán ter entre 11 e 13 anos. Os que teñen necesidades específicas de apoio educativo poderán solicitalas, de forma excepcional, ata os 16 anos. As solicitudes serán tramitadas a través do centro no que estean escolarizados, e serán avaliadas por unha comisión de valoración.

Para adxudicar as axudas, a Consellería de Educación valorará as características persoais do solicitante, en función das súas posibilidades reais de participación no programa de integración. Así mesmo, serán tidos en conta factores como as situacións de orfandade, a condición de pertencer a unha familia numerosa, ou a unha na que os principais sustentadores se atopen en situación de desemprego, sexan pensionistas, ou estean en situación de desprotección.

Desenvolvemento do programa

O programa ‘Aulas da Natureza 2010’ desenvolverase en tres quendas de doce días de duración; abranguendo a primeira delas do 12 ao 23 de xullo, do 23 de xullo ao 3 de agosto a segunda, e do 3 ao 14 de agosto a terceira.

Desde o IES Lucus Augusti de Lugo partirá un autobús cara a Viérnoles totalmente gratuíto para os participantes, ao igual que a estancia no centro e a viaxe de regreso. No campamento, as actividades estarán coordinadas por un responsable titulado e por varios monitores especializados neste tipo de accións educativas. Os rapaces e rapazas contarán ademais cun seguro de accidente e de responsabilidade civil subscrito para tal efecto, e terán ao seu dispor a atención médica necesaria durante os doce días.

You may also like