Galicia Vigo al minuto

Feijóo espera falar “de forma inmediata co Goberno antes de xudicializar o sistema das caixas”

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo confirmou esta mañá que as conversas co Goberno central comezarán de forma inmediata “para empezar a facer o que tiñamos que facer antes de xudicializar o sistema de caixas de aforro galegas, que é dialogar”.“Quero confiar na conversa mantida onte pola tarde coa vicepresidenta primeira do Goberno, que me refería que seremos chamados, de forma inmediata, polo Goberno para empezar a facer o que tiñamos que facer antes de xudicializar o sistema das caixas de aforro galegas, que é empezar a dialogar e empezar a falar sobre estas cuestións”, enfatizou na inauguración, esta mañá en Santiago, da xornada “Situación actual e perspectivas das caixas de aforro”. 

O mandatario autonómico incidiu en que quere confiar na palabra do Goberno español, do mesmo xeito, engadiu, “que Galicia vai seguir defendendo os seus dereitos constitucionais, os seus dereitos estatutarios e o seu dereito de ter caixas. Porque temos aforro, somos a quinta comunidade autónoma en poboación, a quinta comunidade en produto interior bruto e podemos ter a quinta caixa de España en termos de activos, de solvencia e de caixa”, aseverou. 

“Estou convencido de que o país espera unha solución serena, unha solución rigorosa e unha solución galega” e “a obriga de todos os gobernantes é loitar para dar resposta a esa aspiración colectiva, que é tamén unha necesidade colectiva”, engadiu o presidente da Xunta. Reiterou, ademais, que desexa que o futuro das caixas galegas “sexa decidido en Galicia” porque esta solución serena rigorosa e galega “á que aspiramos non pasa –dixo-, por unha deslocalización financeira innecesaria, arbitraria e imposta”. 

O presidente da Xunta fixo referencia na súa intervención aos principais aspectos nos que o Goberno de España basea o seu recurso á Lei galega de caixas, citando en primeiro lugar, o tocante á autorización das fusións externas ou as SIP. “O Goberno cre inconstitucional o artigo que prevé expresamente a necesidade de que a Xunta autorice a incorporación dunha caixa galega a unha fusión externa”, apuntou Feijóo, quen expuxo que este artigo está apoiado polos tres grupos parlamentarios do Parlamento galego, e, ademais, se corresponde co texto da Lei de Madrid, de Andalucía e de Castela e León, que din exactamente “que lle corresponderá á Consejería de Economía e Facenda das Comunidades Autónomas anteriormente citadas a autorización previa dunha fusión externa das caixas”.

En relación coas obxeccións do Executivo central ao artigo da Lei de caixas sobre a renovación dos órganos de goberno, o titular da Xunta sinalou que a doutrina do Tribunal Constitucional dispón que a renovación debe ser parcial para garantir a continuidade da xestión das entidades. Porén, subliñou Alberto Núñez Feijóo, “iso non significa, en ningún caso, que a renovación non poida ser superior á metade dos órganos de goberno”. Desde ese punto de vista defendeu como “prudente e totalmente constitucional” que a renovación sexa nun 75%, “sobre todo, porque do que se trata é de dar entrada por primeira vez a representantes do Parlamento galego, que ata o momento non tiñan representación, nos órganos de Goberno, dado que a Lei de caixas galega data de hai máis de 20 anos, case ao comezo da propia autonomía”.

En relación ao carácter constitutivo do rexistro de altos cargos, Feijóo remitiuse ao artigo no mesmo sentido que inclúe a lei catalá que, sen embargo, non foi recorrida. “Leo o artigo 42.3: “las inscripciones correspondientes en el registro de altos cargos de las cajas de Cataluña, son requisito previo para que los nombramientos de los cargos sujetos a inscripción sean efectivos”, destacou.

También te puede interesar