Galicia

Un estudo demostra que os pesqueiros poden aforrar 30.000 € anuais de consumo enerxético

Os buques pesqueiros galegos poden chegar a acadar un aforro medio anual no consumo de entre o 5% e o 48%, dependendo da tipoloxía de dos barcos, o que se traduce nun aforro máximo de combustible de ata de 72.000 litros anuais, o que equivale a un aforro económico anual de ata 30.000 euros por barco.

Son os resultados dun estudo que se atopa practicamente ultimado e que foi realizado en base a un convenio que a Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) ten, no marco xenérico de colaboración co IDAE, co Centro Tecnolóxico da Pesca (Cetpec) para potenciar a eficiencia enerxética no sector da pesca.

Para chegar a estas cifras de aforro acadable realizáronse preto dun cento de auditorías enerxéticas a buques de pesca nun total de dezasete portos da xeografía galega. O obxectivo destes estudos é o coñecer en detalle o gasto enerxético das distintas tipoloxías de barcos e propoñer melloras para diminuílo, co fin de facer máis competitiva a flota pesqueira galega, dándolle ferramentas para afrontar dun xeito máis eficiente a problemática derivada do alto custo do combustible e a caída dos prezos do peixe en primeira venda.

A fin de analizar de forma axeitada as distintas tipoloxías de buques e as artes de pesca fíxose unha división dos pesqueiros en tres grupos, en función da eslora do barco: pesca de altura (que comprende buques con eslora de máis de 15 metros, e no que se distinguen tres tipoloxías: arrastreiro de litoral, arrastreiro de Gran Sol e pincheiro de Gran Sol); pesca de litoral (eslora de 9 a 15 metros) e pesca artesanal (eslora de 6 a 8 metros).

Xeograficamente escolléronse portos ao longo de todo o litoral galego (Burela, Portocelo, Celeiro, Cesantes, Laxe, Camelle, Lira, Muros, Ribeira, O Grove, Marín, Bueu, Arcade, Meira, Aldán, Cangas e Baiona), recollendo deste xeito datos procedentes de buques que faenan en diversos caladoiros, o que permitiu ter un estudo detallado das artes de pesca que operan en Galicia.

A través da aplicación algunhas medidas de optimización enerxética estímase que se poden acadar aforros de ata un 12% nos arrastreiros de litoral, o que se traduce nun aforro anual de 57.800 litros de combustible e en 27.700 euros cada barco; dun 8,5% nos arrastreiros de Gran Sol (72.300 litros e 29.600 euros); dun 16% nos pincheiros Gran Sol (44.400 litros e 18.200 euros); dun 5% na pesca de litoral (2.500 litros e 1.025 euros) e dun 48% nos barcos de pesca artesanal (780 litros e 2.623 euros).

Para a execución do devandito convenio, que supuxo un fito na realización de auditorías enerxéticas en barcos de pesca en Galicia e tamén en España e Europa, instaláronse nos pesqueiros caudalímetros, isto é, medidores do consumo instantáneo de gasóleo, tanto no motor principal como nos motores auxiliares; rexistradores eléctricos para estudar a xeración e o consumo eléctrico do buque ao longo dunha marea; tacómetros e torsiómetros que miden as revolucións por minuto e a potencia do eixo do buque; rexistradores GPS a fin de coñecer a velocidade do buque en cada estudo, entre outros sistemas de avaliación do consumo enerxético dos barcos.

  • Medidas propostas para a optimización enerxética

As medidas a aplicar para reducir o custo enerxético pasan por introducir melloras na loxística (por exemplo, no caso dos arrastreiros de Litoral, cando un barco volve a porto co peixe a súa parella debe seguir faenando no caladoiro con outro barco); por diminuír a velocidade de navegación, o que permite aforrar combustible; por cambiar o cable de arrastre fabricado en aceiro por outro de materia orgánica, de elevada resistencia e de baixo peso, ou por substituír o sistema de iluminación e cociña convencionais por sistemas máis eficientes, así como por aproveitar o calor residual dos motores para producir auga quente sanitaria…

También te puede interesar