Dous anos despois da entrada en funcionamento do Rexistro de Parellas de Feito de Galicia, xa son 3.045 as parellas inscritas neste ente adscrito á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Segundo os datos ofrecidos polas catro delegacións territoriais da Consellería de Presidencia, desde que este servizo comezou a funcionar, o 28 de xaneiro de 2008, o maior número de inscritos deuse na provincia da Coruña, con 1.301 inscritos; seguida de Pontevedra (1.130), Ourense (391) e Lugo (233). A inscrición das parellas é totalmente gratuíta, voluntaria e ten carácter constitutivo.O decreto polo que se crea e regula o Rexistro considera parellas de feito “as unións de dúas persoas maiores de idade, capaces e que convivan coa vocación de permanencia nunha relación de afectividade análoga á conxugal e que a inscriban no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia, expresando a súa vontade de equiparar os seus afectos aos do matrimonio”, tal e como se establece na Lei de Dereito Civil de Galicia.
Para inscribirse como parella de feito é necesario realizar a solicitude e presentar, nese intre, a documentación acreditativa do cumprimento dos seguintes requisitos: ser maior de idade, non ter relación de parentesco por consanguinidade ou adopción nin en liña recta nin colateralmente ata o terceiro grao, manifestar a vontade de constitución de parella de feito, non estar ligados por matrimonio nin formar parella de feito formalizada con outra persoa, non estar incapacitados xudicialmente para rexer a súa persoa, que un dos membros da parella teña a veciñanza civil galega e acreditar o empadroamento dos membros no mesmo domicilio dalgún municipio galego.
A cancelación da inscrición como parella de feito poderá ser solicitada por escrito de forma conxunta ou individualmente. Neste último suposto deberá acreditarse a comunicación fidedigna á outra parte. Unha parella de feito quedará extinguida cando faleza un dos compoñentes ou cando os membros contraian matrimonio.
