Galicia Música

Recopilan nun libro tras 16 anos de traballo os 140 instrumentos musicais de Galicia

Presentación do libro.
Presentación do libro.

Case 500 páxinas e 1.000 fotografías foron precisas para dar cabida nun libro aos máis de 140 instrumentos musicais e útiles sonoros empregados en Galicia. Co aval da UNESCO e ao abeiro do proxecto Ronsel para a salvagarda e posta en valor do patrimonio cultural inmaterial de Galicia, o profesor e investigador Pablo Carpintero foi quen, despois de 16 anos de traballo, de sacar á luz o volume Os instrumentos musicais na tradición galega, un libro que dá conta da riqueza dos instrumentos musicais en Galicia, afondando na súa clasificación e no significado que os instrumentos teñen para os galegos. “Trátase dunha obra científica e rigorosa que pode ser analizada desde distintas perspectivas”, sinalou o vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Iván Area, na presentación do volume  na Reitoría da USC en Santiago de Compostela e na que tamén tomaron parte ademais do autor, Pablo Carpintero, os vicerreitores de Cultura da USC, Elvira Fidalgo e de Cultura e Comunicación da UDC, Luis Caparrós, e o director da editorial Difusora de Letras, Artes e Ideas, Xavier Paz.

Catalogación e clasificación dos instrumentos musicais

O libro que segundo confirmou Carpintero “foi posible grazas ás testemuñas recollidas entre a xente maior ao longo de toda a xeografía de Galicia e áreas limítrofes”, clasifica os instrumentos musicais seguindo o sistema científico máis empregado en occidente, o de Hornbostel e Sach que os divide en idiófonos, membráfonos, cordófonos e aerófonos. “Este derradeiro grupo é sen dúbida o máis numeroso en Galicia”, sinalou Carpintero que destacou tamén o importante número de instrumentos que teñen a súa orixe no Paleolítico ou o Neolítico que aínda se conservan a día hoxe en mans de nenos que se inician na práctica musical. Pero o autor tamén aborda no libro unha visión desde dentro, explicando como os galegos clasifican os seus instrumentos musicais, ao tempo que afonda no que é un instrumento musical para un galego, así como no significado do concepto de música en Galicia. As agrupacións instrumentais centran o derradeiro dos catro capítulos nos que se divide a obra que conta con deseños de Xoán Ramón Marín e revisión lingüística do profesor e director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, Xosé-Henrique Costas.

Galicia no lugar que lle corresponde no mundo instrumental musical

Pola súa envergadura, Os instrumentos musicais na tradición galega só é comparable a outros dous volumes que abordan a realidade dos instrumentos musicais en dúas áreas xeográficas como son Portugal, coa obra Os instrumentos musicais populares portugueses de Hernesto Veiga de Oliveira, e a Bretaña, co volume Musique Bretonne que é unha obra colectiva. “Son moi escasos os exemplos que se poderían citar de obras de semellante envergadura, baseados en traballo de campo, que se acheguen en extensión e calidade a este traballo que coloca a Galicia no lugar que lle corresponde no mundo por calidade e cantidade instrumental musical”, destacou Iván Area.

FONTE: MªCARMEN ECHEVARRÍA.DUVI

También te puede interesar