Destacados Vigo al minuto

A Universidade de Vigo investirá Honoris Causa ao xaponés Takeshi Yasumoto

Takeshi Yasumoto e José Antonio Rodríguez.
Takeshi Yasumoto e José Antonio Rodríguez.

O científico xaponés Takeshi Yasumoto, profesor emérito da Universidade de Tohoku, será investido como Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo este xoves no acto académico da festividade de San Tomé de Aquino. Na celebración intervirá como padriño o director do Departamento de Química Analítica e Alimentaria e ex-reitor da Universidade de Vigo, José Antonio Rodríguez Vázquez, quen hoxe admitía que vivirá o acto “con gran ledicia polo que significa distinguir con tan alta honra a un persoeiro científico da súa categoría, incorporándoa á vez, ao Claustro de profesores excelsos da nosa Universidade”.

  • Unha relación que se iniciou hai 25 anos

O ex-reitor vigués subliñou como a relación de Yasumoto coa Universidade se iniciou hai xa 25 anos “convidado polo entón Colexio Universitario”. Aquelas primeiras visitas aos laboratorios de Química Analítica foron os primeiros pasos dunha relación que permanecería no tempo, ata o feito de que esta colaboración se materializou nun convenio entre a Universidade de Vigo e a Universidade de Tohoku en Sendai. “A última vez que nos visitou foi no ano 2005 con motivo da celebración do congreso Marine and Freshwater Toxins que organizamos no departamento”, explicou Vázquez.

Como químico de produtos naturais mariños Takeshi Yasumoto investiga na busca de compostos activos con posibles propiedades curativas ou que sirvan de base para o desenvolvemento de novos medicamentos. “Tamén de aqueles con actividade fisiolóxica adversa como as biotoxinas mariñas, algunhas de notable incidencia ocasional nos bivalvos das rías galegas”, subliña o padriño, ao tempo que explica que este traballo é moi relevante para procurar métodos de análise que permitan protexer mellor a saúde humana e a economía dos cultivadores de moluscos bivalvos.

  • Vixésimo Doutor Honoris Causa da Universidade de Vigo

O acto de investidura, que será presidido polo reitor, Alberto Gago, terá lugar este xoves ás 12.00 horas no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e incluirá tamén a entrega das distincións académicas aos galardoados cos Premios Extraordinarios Fin de Carreira e de Doutoramento.

Con este nomeamento a lista de Honoris Causa da Universidade elévase xa a vinte, dende que en 1992 fóra investido como primeiro Doutor Honoris Causa da Universidade de Vigo o intelectual galego Francisco Fernández Del Riego. A el engadiríanse despois outras personalidades cuxas actividades contaron con repercusión notoria e importante dende o punto de vista tecnolóxico e social de Galicia e do mundo en xeral.

Fonte: DUVI

También te puede interesar