Vigo al minuto

A Universidade de Vigo, a décima de España que máis ‘mobe’ aos seus profesores

No marco do EEES, os coordinadores dos mestrados coinciden na necesidade de unir forzas e buscar aliados entre as universidades para ofrecer unha formación de calidade. A Universidade de Vigo mantén unha aposta firme nos últimos anos por esta cooperación e sitúase xa como a décima a nivel nacional na captación de fondos do Ministerio de Educación a través do Programa de mobilidade de profesores visitantes en mestrados oficiais, cun total de 231.611€. Esta contía refírese a mestrados propios pero tamén a aqueles interuniversitarios coordinados por Vigo; se a estes se suman as axudas outorgadas aos programas interuniversitarios nos que a Universidade participa pero non coordina, o total suma 318.916€.
“Estar no posto 10 entre un total de 52 universidades en volume outorgado sitúanos moi por riba da media”, competindo con outras que contan con moitos máis recursos, segundo explica a vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea, Carmen Gª Mateo. Estas axudas “están destinadas a gastos de viaxe e de estancia dos profesores invitados doutras universidades, centros de investigación ou empresas de dentro do EEES ou outros países”.
A resolución para este curso 2009/2010 outorga as axudas aos 34 mestrados que as solicitaron, o que demostra a forte implicación dos coordinadores nesta iniciativa. Segundo apunta a vicerreitora, “a Universidade de Vigo conta dende o principio cun ritmo crecente de solicitudes e de axudas conseguidas” o que demostra o alto nivel dos mestrados e o seu interese por traer ao profesorado mellor formado, xa sexa doutras universidades ou centros de investigación como mesmo a profesionais do sector.

Fonte: DUVI

También te puede interesar