Vigo al minuto

A Universidade de Vigo reafirma a súa presenza na Antártida cunha nova expedición

Estarán en Illa da Decepción, na imaxe.
Estarán en Illa da Decepción, na imaxe.

O profesor vigués Mariano Lastra iniciará este sábado unha nova campaña na Antártida. Será a cuarta vez que visita o continente xeado. As conclusións da súa investigación, incluída dentro dos proxectos de cambio climático, serán básicas para empezar a determinar si realmente se está producindo un cambio climatolóxico na que moitos consideran a última rexión “salvaxe” do noso planeta.

Tras catro anos de seguimento, “que nos gustaría que se convertesen en oito ou dezaseis”, Lastra manifesta o seu desexo de que este proxecto forme parte dunha serie de traballos a longo prazo que permitan avaliar os cambios que se están a producir na Antártida. “A nosa filosofía é que oxalá estes datos ou estas campañas teñan unha continuidade de futuro para dispor de información a longo prazo, que a fin de contas é o fundamental nos estudos do cambio climático”, insiste. Neste sentido, solicitaron xa unha acción complementaria para darlle continuidade ao proxecto actual, pois consideran que esta sería a maneira de “repetir a campaña de mostraxe e engadir experimentos de laboratorio ou de manipulación do medio natural que nos gustaría levar a cabo”, indica o profesor vigués.

A recollida de datos desta campaña será parecida a que xa levaron a cabo no 2009, se ben nesta ocasión recollerán os datos dos sensores de temperatura que enterraron alí o ano pasado. “Temos tamén que avaliar as achegas de macroalgas que reciben os intermareais, que xa vimos que eran masivos e cremos que é algo de interese desde o punto de vista ecolóxico”, subliña Lastra, ao tempo que explica que, ademais, levarán a cabo todas as mostraxes ordinarias que están previstas no proxecto para avaliar a biodiversidade, composición de especies, abundancia de invertebrados no intermareal, natureza do sedimento…

A recollida de datos centrarase en illa Decepción

Nesta ocasión a recollida de datos centrarase en illa Decepción e, xunto a Lastra, completarán a expedición o catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, José Mora, e os investigadores da Facultade de Ciencias do Mar, Iván Franco, bolseiro Ángeles Alvariño, e o mozo David Castro, que está facendo a súa tese de doutoramento ao abeiro deste proxecto e para quen esta aventura será a súa primeira experiencia antárquica.

“Seralle moi útil de cara a súa formación e a adquirir experiencia no tema da súa tese, a fauna antárquica de illa Decepción”, apunta o profesor vigués en relación á participación de Castro na campaña, “é necesario que teña a oportunidade de ver en directo a bioloxía destes ecosistemas tan particulares”. A súa volta, alá polo mes de marzo, fará tamén unha estancia de investigación na Universidade de Magalláns en Punta Arenas (Chile) “nun grupo chileno que ten bos especialistas en taxonomía destas especies”. Os resultados destas campañas non chegarán ata dentro de ano e medio ou dous anos.

Polo momento carecen aínda de conclusións, pero os datos que levan analizados apuntan xa certas tendencias “ a min dáme a sensación de que na campaña do ano anterior atopamos máis especies ca na do ano anterior, pero de momento aínda non podemos falar disto coma un dato obxectivo, senón case como unha simple apreciación”, indica.

Os equipos e material de laboratorio enviáronse en setembro desde Cartaxena

Os preparativos iniciáronse arredor do mes de xuño coa reunión de programación antárquica que organiza o Comité Polar e a que asisten todos os investigadores do coñecido como Plan Antárquico. Nesa reunión establécense as datas nas que hai que ter o material preparado e o día concreto no que todo ten que estar en Cartaxena para que sexa embarcado, algo que acostuma acontecer no mes de setembro. “Iso quere dicir”, explica Lastra, “que todo o material de laboratorio e todos os equipos que precisemos transportar alí ten que embalarse en caixas no verán. Nós agora só marchamos coa maleta persoal, pois todo o demais xa está alí”.  “Levamos moitas cousas”, engade o profesor, pois, aínda que dentro da base hai unha certa estrutura de laboratorios, non contan co instrumental necesario. Microescopios, material para a recollida de mostras de campo, equipos para a montaxe de experimentos, roupa técnica, papelería… son algúns exemplos de todo o material que precisarán durante o seu mes de estancia alí.

A única institución con dous profesores dirixindo proxectos antárquicos

Coa partida de Mariano Lastra cara a Antártida, a Universidade de Vigo convértese na única institución académica con dous investigadores dirixindo proxectos antárquicos, xa que tamén se atopa no continente xeado a profesora e vicerreitora de Investigación, Elsa Vázquez que, acompañada doutros oito investigadores, participa ata principios de febreiro a bordo do buque Hespérides no proxecto Acoplamento físico-biolóxico no rango da mesoscala arredor das Illas Shetland do Sur (COUPLING).
Son a cabeza máis visible dun amplo grupo, xa que tal como destaca Lastra, “somos xa moitos os investigadores da Facultade de Ciencias do Mar que temos experiencia antárquica e numerosos artigos publicados sobre o tema”.

FONTE: DUVI

También te puede interesar