Galicia

A Axencia Galega de Noticias pretende despedir a 3 traballadores máis

 A Axencia Galega de Noticias (AGN), parte do grupo El Progreso de Lugo, pretende despedir a tres traballadores. O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) considera que se trata de despedimentos improcedentes, malia que a empresa insiste nas supostas causas económicas.

Os afectados son dous xornalistas e unha comercial da sede central en Santiago. Eles son os asalariados con máis experiencia; nun dos casos trátase dun xornalista con preto de 20 anos de experiencia nesta axencia.

O SXG considera que, ao tratarse de despidos improcedentes, a indemnizacións deberían ser de 45 días por ano traballado.

O Sindicato lembra que neste tipo de situacións, tan frecuentes estes meses nos medios galegos, nunca se debe asinar a documentación proporcionada pola empresa sen antes consultar cos avogados.

Dende outubro, AGN non fixo ningunha renovación de contratos nin de bolsas. Isto implica que o cadro de persoal da axencia xa se reduciu nunhas seis persoas, que agora poden ser nove. Ademais, no Grupo El Progreso os despedimentos en AGN súmanse aos sete traballadores botados do Diario de Pontevedra a finais de 2009.

Complicidade da Xunta e os partidos

O SXG denuncia a continúa vaga de despedimentos no sector sen que as administracións tomen medida algunha. O Sindicato lembra aos tres partidos con representación parlamentaria que a pasada lexislatura aprobaron unha proposición para que as axudas da Xunta aos medios estivesen vinculadas ao mantemento do emprego estábel.

Porén, o Executivo non está a cumprir este pacto aprobado por unanimidade no Parlamento. Mentres tanto os medios seguen a aproveitarse das subvencións públicas para botar profesionais expertos e ofrecer no seu lugar máis prazas de bolseiros, falsos autónomos e contratos en precario.

Subvencións ao grupo El Progreso

Así, por exemplo, El Progreso pretende despedir tres operarios en AGN malia que hai poucos meses recibiu máis de medio millón de euros de subvencións da Xunta.

Foron 532.000 para as súas cabeceiras: 272.000 euros para De Luns a Venres, 180.000 para o diario El Progreso de Lugo e 84.000 para Lérez Ediciones. Así se pode comprobar nos DOG do 14 e do 28 de agosto do ano pasado.

También te puede interesar